Vigo, Galicia
Vigo

El BNG de Vigo vuelve a pedir que se naturalice la Puerta del Sol instalando árboles

  • A fronte nacionalista lembra que o proxecto inicial contemplaba zonas axardinadas e que o alcalde prometera a instalación de árbores

A fronte nacionalista lembra que o proxecto inicial contemplaba zonas axardinadas e que o alcalde prometera a instalación de árbores

video
play-sharp-fill

O Bloque Nacionalista Galego vén de reiterar a demanda de naturalizar a Porta do Sol coa instalación de arboredo, cando se cumpren dous anos da súa apertura tras as obras de renovación e peonalización da praza.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, afirmou que “é incomprensíbel que en pleno século XXI se insista nun modelo de praza dura, convertendo o quilómetro cero da nosa cidade nun ermo de cor gris pedra de 3 mil metros cadrados, equipado só con macroterrazas privadas da hostalaría”

Igrexas lembrou que o proxecto inicial da reforma da Porta do Sol contemplaba zonas axardinadas e que o propio Abel Caballero chegou a prometer en setembro de 2022 que se ían  instalar “árbores colosais en grandes macetas” (sic).  Unha medida que, apuntou, “acabou no caixón infinito das promesas incumpridas xunto a outros anuncios, como a ocorrencia de querer instalar grandes velas de tea para crear espazos de sombra”, como comprometera o alcalde en maio do pasado ano.

Para o BNG é imprescindíbel dotar a Porta do Sol de arboredo para facer desta grande praza “un espazo habitábel, no que vivir e convivir, e non só un espazo que atravesar” e por iso defenden que “non podemos resignarnos a que o único verde no corazón da cidade sexan uns poucos exemplares de liquidámbar reinstalados na Praza da Princesa ou unha árbore enmacetada nun banco”.

O portavoz municipal nacionalista subliñou que “o arboredo ten un papel fundamental para dar vida aos espazos urbanos”, porque fornece de zonas de sombra, regula a temperatura e permiten a presenza doutra flora e fauna. “Hoxe existen solucións tecnicamente posíbeis e factíbeis para naturalizar a Porta do Sol sen que impida outros usos como a celebración de grandes eventos”, acrecentou.

Por iso desde a fronte nacionalista remarcan a oportunidade de dotar o centro da cidade dun grande espazo público para o xogo seguro das crianzas, para o lecer das persoas maiores e para o desfrute do conxunto as viguesas e do vigueses durante todos os días do ano “en lugar dunha parcela empedrada que é insoportábel nos días máis calorosos, como se está a vivir nas últimas semanas”.

Deja una respuesta

Hide picture