A fronte nacionalista interpelará na Comisión Informativa de Parques e Xardíns sobre a retirada prevista de exemplares de grande porte por causa das humanizacións do calexón do Balado, nas inmediacións de Rosalía de Castro, e na rúa Teixugueiras, en Navia
Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero segue sen comprender que as árbores non son postes decorativos, nin son mobiliario urbano, senón que son unha parte esencial do ecosistema urbano. Son imprescindíbeis para a cidade respire”
O Bloque Nacionalista Galego vai reclamar explicacións ao Goberno municipal de Vigo perante a ameaza de que se produzan novas tallas de arboredo na cidade. A fronte nacionalista interpelará o executivo de Abel Caballero na Comisión Informativa de Parques e Xardíns, convocada para este luns, a respeito da retirada prevista de varios exemplares de grande porte por causa das humanizacións proxectadas para o calexón Balado, nas inmediacións de Rosalía de Castro, e na rúa Teixugueiras, en Navia.
Así vén de anunciar o Portavoz municipal do BNG no Concello de Vigo, Xabier P. Igrexas, que inscribe estas actuacións na “política de permanente arboricidio imposta nos últimos anos na cidade”. Neste sentido, demandou que o Goberno municipal explique en detalle cales son os motivos e causas que xustifiquen a eventual retirada deses exemplares.
“Abel Caballero segue sen comprender que as árbores non son postes decorativos, nin son mobiliario urbano, senón que son unha parte esencial do ecosistema urbano. Son imprescindíbeis para a cidade respire”, afirmou Igrexas.
Neste contexto de emerxencia climática o nacionalista aposta en “avanzarmos cara a unha cidade máis sustentábel e tamén máis habitábel” para o que, apunta, “cómpre poñer fin as tallas e retiradas de arboredo que só responden a caprichosos criterios estéticos”.