Vigo, Galicia
Vigo

El BNG de Vigo pide que se estudie suspender las licencias del Barrio del Cura tras la anulación judicial del proyecto de urbanización

A fronte nacionalista demanda que a Secretaría Xeral do Concello emita un informe sobre as consecuencias da sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo

Xabier P. Igrexas: “Como denunciamos o BNG desde o minuto un, o desenvolvemento do Barrio do Cura é un exemplo tan groso como preocupante do urbanismo á carta que practica Abel Caballero”

O Bloque Nacionalista Galego vén de reaccionar á recente sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo, demandando que se estude a suspensión cautelar das licenzas xa outorgadas no Barrio do Cura tras a anulación xudicial do seu proxecto de urbanización.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, considera que, diante do fallo xudicial que detectou graves defectos no proxecto de urbanización, o Goberno municipal debe actuar “co máximo rigor e tamén con estrito respeito ás normas legais”.

Nese sentido, Igrexas interpelou hoxe no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo á concelleira, María José Caride, a respecto de se vai solicitar que a Secretaría Xeral do Concello emita un informe para valorar o alcance e as consecuencias concretas desta sentenza. Na súa resposta Caride limitouse a sinalar que “se estudará polos servizos municipais” escusándose en que se trata dunha “sentenza de difícil interpretación”.

Desconfianza na concelleira de Urbanismo

Desde o BNG defenden que é imprescindíbel que o Secretario Xeral do Concello, como máximo funcionario municipal, emita informe para darlle a maior solidez xurídica e administrativa ás actuacións do Concello. “De entrada, haberá que determinar se co proxecto de urbanización anulado se deben suspender cautelarmente as licenzas xa outorgadas á promotora privada do Barrio do Cura”, explica.

A necesidade do informe está tamén motivada, segundo apuntou, na total falla de confianza no criterio da concelleira de Urbanismo. “A señora Caride coas súas particulares e sempre interesadas interpretacións xa ten demostrado que carece de ningún tipo de fiabilidade e rigor”, proclamou. “Deixouno claro cando de maneira abertamente ilegal pretendeu non aplicar a suspensión automática de licenzas mentres se tramitaba o novo PXOM, e volveu demostralo coas súas palabras e feitos en relación ao pelotazo urbanístico de Cabo Estai”, acrecentou.

Tramitación ad hoc dunha urbanización VIP

Igrexas lembrou que desde o BNG xa advertiran desde o inicio dos “riscos e perigos da xestión apresurada e ad hoc” que se quixo facer por parte do Goberno municipal en relación ao desenvolvemento do Barrio do Cura.

A este respecto recordou que o BNG xa o expresou durante a tramitación da modificación puntual do PXOM para este ámbito, que resultou aprobada só cos votos a prol de PSOE e PP no Pleno, sinalando de maneira clara rotunda que ese procedemento extraordinario non estaba xustificado cando se estaba a tramitar un novo planeamento e que non se tiña motivado o presunto interese público xeral para legalizar á medida “unha promoción privada dunha urbanización VIP con vistas privilexiadas á Ría en pleno corazón da cidade”.

Unha posición que a fronte nacionalista reiterou co seu voto en contra do propio proxecto de urbanización, que vén de ser anulado xudicialmente, advertindo en novembro de 2022 que estaba atravesado por importantes irregularidades na súa tramitación. No concreto, o BNG denunciara naquela altura a desatención dos reparos da arqueóloga municipal ou o feito de que as alegacións veciñais que se presentaran na súa contra foran ditaminadas pola promotora privada e non polo Concello.

“Agora, coa sentenza na man, vemos como a iso se engade o incumprimento das esixencias legais que debe cumprir este proxecto e o feito de que un dos inmobles [o da comunidade de propietarios/as do número 36 da rúa Santa Marta que é quen promoveu o contencioso] non fora nin tan sequera comunicada de que este proxecto lles afectaba, inda que for por ‘erro material’ como agora se sostén”, explicou.

Urbanismo á carta

O BNG tamén se opuxo recentemente ao acordo, entre PSOE e PP, que deu lugar á denominada normalización de predios que abre a porta á expropiación forzosa polo Concello dalgúns inmóbeis e parcelas para llelos entregar á promotora privada.

“É claro, pois, que como denunciamos o BNG desde o minuto un, o desenvolvemento do Barrio do Cura é un exemplo tan groso como preocupante do urbanismo a parches, ou mais ben, urbanismo á carta, que se practica por parte do Goberno municipal de Abel Caballero”.

Un modelo urbanístico no que, para o portavoz municipal nacionalista, os intereses de importantes grupos de poder empresarial e económico se acaban impoñendo. Como evidencia o feito de que o Alcalde patrocine en primeira persoa  e de maneira pública e notoria unha macro urbanización privada de pisos con prezos que van dos 216 mil aos 800 mil euros, e nos que haberá pouco máis de 30 vivendas con algún réxime de protección. “Un modelo no que, para sorpresa de ninguén, nisto si están de acordo o PSOE e o PP de Vigo”, remachou.

Deja una respuesta