- A fronte nacionalista insiste na suspensión da licenza para unha gasolineira na Baixada ao Pontillón, a escasos metros do parque de Castrelos e do río Lagares, despois de manter unha xuntanza coa Favec e veciñanza do Freixeiro afectada
Xabier P. Igrexas: “A concelleira de Urbanismo non respondeu aínda ás enormes dúbidas legais desta gasolineira proxectada nunha parcela rústica e afectada por un PERI”
O Bloque Nacionalista Galego pide prohibir en Vigo a instalación de gasolineiras a menos de 250 metros de vivendas e de ámbitos sensíbeis coa elaboración dunha ordenanza municipal, como as aprobadas xa noutros concellos. Así o demandou este venres o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, despois de manter unha xuntanza con representantes da Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao (Favec) e de veciñanza do Freixeiro afectada polo proxecto dunha gasolineira de baixo custo na Baixada ao Pontillón, a escasos metros de espazos protexidos como o parque de Castrelos e o río Lagares.
Igrexas reiterou a necesidade de suspender cautelarmente e revisar a licenza para esta gasolineira no Pontillón, diante das súas afeccións e da forte oposición veciñal. Nese sentido, interpelou no último Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo á concelleira da área, María José Caride, que unicamente argumentou que o proxecto conta con todos informes favorábeis, varios deles emitidos pola Xunta de Galiza, como son o de Patrimonio Cultural e o de Augas de Galiza. “É claro que nestas cuestións PSOE e PP fan pinza sempre en favor de intereses privados”, afeou.
O portavoz municipal nacionalista reprochou ademais a falla de respostas da edil de Urbanismo sobre as “enormes dúbidas legais” pola cualificación urbanística da parcela, que ten formalmente a consideración de rústica —“e polo tanto non edificábel”— e que está afectada por un PERI no planeamento urbanístico en vigor. “Como se pode dar unha licenza a unha gasolineira nestas condicións?”, cuestionou Igrexas.
Dende o Bloque veñen de solicitar tamén acceso íntegro a toda a documentación sobre este proxecto no Pontillón para coñecer con detalle a tramitación e os informes que avalan a concesión da licenza. “É claro que o Goberno de Abel Caballero o único que persegue é facilitar a instalación desa gasolineira, dentro da política de barra libre coa que inexplicábelmente teiman en favorecer as empresas do sector por acima do interese público e dos dereitos da veciñanza”, remachou o voceiro municipal do BNG de Vigo.