Vigo, Galicia
Vigo

El BNG de Vigo pide explicaciones por la campaña publicitaria del Ayuntamiento en favor de Vitrasa

A fronte nacionalista quere coñecer quen é o responsábel e o financiador dos carteis de grande formato aparecidos nos MUPI da cidade co lema “Móvete por Vigo, mellor no Vitrasa” nos que figura o logotipo do Concello

Esixen ao Goberno municipal que en lugar de “promocionar a unha empresa privada” se restitúan as 154 frecuencias de bus que continúan recortadas as fins de semana desde que rematou a folga indefinida

Xabier P. Igrexas: “O único que pretende esta campaña é branquear a actual concesionaria fronte ao crecente malestar social polas penosas condicións nas que presta o servizo e a un ano de que remate o seu contrato”

Ante a aparición dunha campaña publicitaria, nos MUPI da cidade, con carteis de grande formato co título “Móvete por Vigo, mellor no Vitrasa” e nos que aparece o logotipo do Concello de Vigo e tamén o da empresa, o Bloque Nacionalista Galego vai dirixirse ao Goberno municipal para demandarlle explicacións sobre quen é o responsábel desa campaña, quen a encargou e quen paga os seus custes.

Así o anunciou este martes o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, afirmando que “sería un verdadeiro escándalo, e un paso máis no aliñamento do Goberno de Caballero coa dirección empresarial de Vitrasa, que se financiase con recursos do Concello unha campaña que non ofrece ningún tipo de información de interese para as persoas usuarias”. Unha campaña que, segundo sinalou, “o único que pretende é branquear a actual concesionaria fronte ao crecente malestar social polas penosas condicións nas que presta o servizo e a un ano de que remate o seu contrato”

Igrexas demanda transparencia sobre esta cuestión asegurando que “non sabemos se isto é unha contrapartida aos agasallos publicitarios que lle ten feito Vitrasa a Abel Caballero”, en alusión a que a cara do alcalde ocupe dous terzos da carta que acompaña as tarxetas Pass Vigo ou ao financiamento da campaña propagandística co rostro do rexedor no metro de Madrid para promocionar as luces de Nadal.

“O que ten que facer o Concello non é promocionar unha empresa privada senón garantir que se recuperan de maneira inmediata as 154 frecuencias de bus que seguen recortadas nas fins de semana desde que finalizou a folga indefinida”, esixiu.

O portavoz municipal nacionalista defende que “o que necesitan as viguesas e vigueses non son carteis louvando as bondades de Vitrasa senón dispoñer dun servizo de bus en condición”. “O que precisa e merece a veciñanza de Vigo é de máis buses e menos propaganda, e iso é o que debera ocupar e preocupar ao Goberno municipal en lugar de agarimar a súa empresa amiga” remachou.

Deja una respuesta