A fronte nacionalista alerta de que o documento para xustificar a eliminación destes exemplares carece de rigor e responde máis a criterios estéticos que de seguridade
Xabier P. Igrexas: “Non podemos permitir que se xestione o arboredo como se fose un problema de decoración de interiores, tratando as árbores como mobles”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe suspender a talla de 13 árbores de gran porte no monte do Castro anunciada este pasado martes polo Goberno municipal de Vigo. A fronte nacionalista alerta de que o informe elaborado para xustificar a eliminación destas especies “carece de rigor e de respecto ambiental” e considera que responde “máis a criterios estéticos que de seguridade”.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, defendeu que esta talla non se trata dunha “cuestión menor”, xa que sería irreversíbel para árbores que levan décadas protexendo a paisaxe, estabilizando pendentes, ofrecendo sombra, acubillando biodiversidade e osixenando o centro da cidade. “O Monte do Castro non é só un parque, é un símbolo da nosa cidade, un espazo vivo, un patrimonio natural e emocional que forma parte da nosa identidade colectiva”, valorou.
Igrexas denunciou que o informe no que se ampara o Goberno de Abel Caballero é “abertamente insuficiente, deficiente e incompatíbel coas boas prácticas profesionais”. Advertiu a ese respecto de que “non hai probas nin unha soa evidencia clara de que estas árbores supoñan un perigo real para as persoas”. O documento, criticou, non emprega ningunha metodoloxía técnica de avaliación de risco, de análises instrumentais nin unha diagnose individualizada de cada especie.
“Feito a medida para o alcalde leñador”
Para o portavoz nacionalista dicir de forma xenérica que “hai árbores secas ou en regresión” sen explicar o que lles pasa, describir síntomas, medir e achegar datos concretos “non é xustificar nada”. Por este motivo, considerou que o informe foi realizado “a medida para xustificar que o alcalde leñador, Abel Caballero, siga utilizando a motoserra contra as árbores da cidade”.
Dende o BNG lamentaron que o estudo do Concello tampouco contemple ningunha alternativa á corta das árbores cando, as recomendacións técnicas e a propia normativa ambiental, fixan a talla como a última medida. Igrexas sinalou algunhas opcións que non se valoraron no informe, como as podas de redución, tratamentos de saneamento, melloras na drenaxe, establización de taludes ou a aplicación de outras técnicas de bioenxeñería.
Criterios estéticos e non de seguridade
O documento xustificativo do Concello utiliza criterios como as “vistas paisaxísticas” e “ornamentalidade” para recomendar a eliminación destas especies. Unha decisión que, a xuízo da fronte nacionalista, parece “responder máis a unha decisión estética que de seguridade”, como alega o informe. “Non podemos permitir que se xestione o arboredo como un problema de decoración de interiores, tratando as árbores como mobles”, afeou.
Nese sentido, Igrexas alertou de que a retirada simultánea de 13 exemplares de gran parte nunha ladeira poden xerar ademais un problema que non existe, provocando unha maior erosión e inestabilidade do solo, ao contrario do que defende o informe municipal. “En pendentes graníticas como o Castro a arborización é un factor estabilizador, non un risco”, afirmou, citando criterios profesionais que recomendan a substitución gradual.
Sobre a plantación de 25 novas árbores de diferentes especies, anunciada polo Goberno local, cuestionou que vaia supoñer unha reposición funcional xa que no estudo non se indica o calibre, non se garante a equivalencia ecolóxica nin se analizan elementos como a afección ao microclima, estabilidade do solo ou a biodiversidade actual.
“No BNG defendemos unha xestión profesional, respectuosa e responsábel do noso patrimonio natural”, subliñou o portavoz nacionalista, quen vén de rexistrar un escrito de solicitude urxente esixindo ao alcalde a suspensión inmediata das tallas e a elaboración dun novo informe técnico “rigoroso e independente”.
“O Monte do Castro é de todas e todos. E inda que as árbores non teñen voz, nós si. Vigo merece un goberno que deixe de maltratar o noso medio natural cun permanente arboricidio, na certeza de que o futuro da nosa cidade só pode ser verde”, remachou.
