- A fronte nacionalista reclama ao Goberno municipal que reconsidere a rebaixa de máis do 60% na axuda do Concello para este club de primeiro nivel, comprometendo o seu futuro
Xabier P. Igrexas: “É inexplicábel que un goberno que se presume feminista castigue desta maneira precisamente un club de fútbol feminino”
O Bloque Nacionalista Galego esixe unha rectificación urxente de Abel Caballero do “inxusto” recorte de máis dun 60% na subvención municipal ao Sárdoma de fútbol feminimo. A fronte nacionalista reclama explicacións do Goberno por rebaixar a axuda do Concello para este club de primeiro nivel e que compite en categoría semiprofesional, comprometendo así o seu futuro. “Desde o BNG trasladamos o noso completo apoio diante da inxusta e inxustificada redución das axudas públicas que reciben por parte do Concello de Vigo”, salientou o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, durante un encontro coa presidenta do club, Begoña Aldao, no que tamén participaron o concelleiro Filipe Abalde e a deputada no Parlamento galego Carmela González.
Este recorte da subvención, alertaron dende o BNG recollendo a preocupación do club, supón unha ameaza para a continuidade dunha entidade referente do deporte feminino da cidade. “Un risco que non podemos aceptar baixo ningún concepto”, advertiu Igrexas, anunciando que o Bloque vai esixir formalmente esta rectificación na Comisión Informativa de Deportes convocada para este próximo luns.
Dende a fronte nacionalista defenderon así a necesidade de que o Concello de Vigo apoie cun financiamento “suficiente e xusto” ao Sárdoma CF. “É inexplicábel que un goberno que se presume feminista castigue desta maneira precisamente un club de fútbol feminino”, afeou o portavoz municipal nacionalista, quen chamou a facer “precisamente o
contrario” alentando con máis medios e recursos a práctica do deporte por nenas, mozas e mulleres, sobre todo en disciplinas tan masculinizadas como o fútbol.
“Estamos diante dun exemplo máis da nefasta política deportiva que padece esta cidade”, valorou o edil do BNG. Unha realidade que motivou unha das 152 emendas do BNG aos Orzamentos municipais de 2025, coa demanda de 3 millóns de euros máis para apoiar o deporte de base. Unha proposta que, lamentaron dende o Bloque, recibiu no pasado Pleno o voto negativo tanto do PSOE como do PP. “Como dicía un lema de Caballero: falan os feitos”, remachou Igrexas.