- A fronte nacionalista formula alegacións para “corrixir e mellorar” a proposta de Delimitación dos Espazos e Usos da Autoridade Portuaria de Vigo
Xabier P. Igrexas: “É unha oportunidade que non debemos perder para blindar o futuro dun sector esencial como o portuario, mais desde logo tamén para avanzar nun modelo máis racional, eficiente e sustentábel”
O Bloque Nacionalista Galego esixe poñer fin aos recheos na Ría de Vigo e recuperar espazos portuarios para a cidade. Estas son algunhas das alegacións formuladas pola fronte nacionalista para “corrixir e mellorar” a proposta de Delimitación dos Espazos e Usos da Autoridade Portuaria de Vigo (DEUP).
“A definición do Plan de Usos do Porto de Vigo é unha oportunidade que non debemos perder para blindar o futuro dunha actividade esencial para Vigo e a nosa área como o sector portuario, mais desde logo para avanzar tamén nun modelo máis racional, eficiente e sustentábel”, defendeu a este respecto o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, durante a presentación das alternativas nacionalistas.
Así, o Bloque esixe que se retire da proposta de DEUP calquera alusión a ampliacións da superficie portuaria e das liñas de atracadoiro no Porto que, a xuízo da fronte nacionalista, se inclúen no documento de maneira xenérica e sen motivación. “O tempo dos recheos en Vigo rematou, a cidade xa lle gañamos máis de 3 millóns de metros cadrados ao mar”, reclamou Igrexas.
Nesa liña, as alegacións do BNG piden incluír no Plan de Usos a reversión con todos os efectos do último recheo de 8 mil metros cadrados, realizado recentemente fronte ao Auditorio Mar de Vigo, que carece na actualidade de ningún tipo de uso portuario.
Recuperar espazos para a cidade
Outro dos aspectos chave para a fronte nacionalista pasa por avanzar na mellor integración urbana da superficie portuaria para que deixe de ser “un atranco insalvábel” no acceso público ao mar. Así, dende o Bloque propoñen a desafectación portuaria do conxunto das denominadas zonas de interacción porto-cidade que, a día de hoxe, non teñen usos portuarios ou marítimos.
Mediante a cesión gratuíta ou a prezo simbólico da titularidade ao Concello de Vigo, o BNG chama a converter en espazos públicos as instalacións dotacionais e educativas na vila de Bouzas -como as parcelas do campo de fútbol, do centro de maiores, do instituto de Audiovisuais, da sede do Instituto de Investigacións Mariñas e o espazo do pavillón- así como espazos verdes e aparcamentos.
No mesmo sentido, demanda a desafectación do conxunto da Avenida de Beiramar e dos espazos portuarios con Jacinto Benavente, todos os ámbitos da zona central lúdico-portuaria sen actividade; así como da praia Mende e do espazo entre a praia da Manquiña e da Lagoa (todas no barrio de Teis) na previsión da fin da concesión portuaria de Regenasa, que pode trasladar a súa actividade a zonas non portuarias.
Racionalizar os espazos portuarios
Dende a fronte nacionalista aseguran que a mellora da capacidade operativa do Porto de Vigo debe pivotar sobre a optimización e racionalización dos actuais espazos portuarios, excluíndo aqueles usos que non precisan de maneira indispensábel estar instaladas a pé de mar. Por este motivo, o Bloque pide incorporar con maior detalle a aposta estratéxica para desenvolver a PLISAN como verdadeiro porto seco.
Contra a desaparición da antiga Vulcano
O BNG oponse ademais á pretensión da Autoridade Portuaria de avanzar na desaparición da antiga estaleiro Vulcano, hoxe estaleiros San Enrique, para destinar este espazo a usos comerciais como ampliar a terminal de contedores. Por contra, para as nacionalistas estas instalacións reúnen as condicións necesarias para a posta en marcha do Centro de Reparacións Navais da Ría de Vigo, unha histórica demanda para fortalecer un sector estratéxico como o naval que segue nun caixón pola “falla de impulso” das diferentes administracións públicas, nomeadamente a Xunta de Galiza.
Impedir a eólica mariña
Aliás, a fronte nacionalista considera que o estudo ambiental presentado na DEUP ten “importantes deficiencias” e non valora o impacto de determinadas actuacións sobre a actividade portuaria. “Non ten xustificación que non se avalíe a incidencia entre outras da instalación de macroparques de eólica mariña nas inmediacións da Ría de Vigo, como o proxecto Volanteiro”, alertou Igrexas, quen chamou tamén a alargar a protección das Illas Cíes limitando en maior medida os usos das súas augas.