Defenden que Patricia Rodríguez Calviño non “pode continuar un minuto máis” á fronte da área de Seguridade do Concello despois de que os propios bombeiros e os sindicatos deixasen en evidencia as súas falsidades
Xabier P. Igrexas: “Vigo sen bombeiros non é segura e as viguesas e os vigueses non merecen un Goberno municipal que diante dunha traxedia sen precedentes lles minta con todo descaro”
O Bloque Nacionalista Galego esixiu formalmente ao Alcalde de Vigo, Abel Caballero, o cese inmediato da concelleira-delegada de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, por “mentir descaradamente” en relación ao operativo de bombeiros que interveu no tráxico incendio do pasado mércores na rúa Afonso X. A fronte nacionalista reclama tamén ao rexedor “que se desculpe coas viguesas e vigueses” e úrxeo a atender a demanda das organizacións sindicais para constituír unha mesa de diálogo para resolver a estrutural e grave falla de persoal no servizo de bombeiros da cidade.
O Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, compareceu esta mañá en rolda de prensa, acompañado pola deputada no Parlamento galego, Alexandra Fernández. Na súa comparecencia asegurou que o incendio das Travesas, que se saldou con 4 mortes (3 delas de menores) e 9 feridas así como o desaloxo de todas as persoas residentes no edificio, “deixou en evidencia as graves deficiencias tanto no que ten a ver coa seguridade na cidade como tamén na insuficiente atención ás problemáticas sociais que subxacen neste suceso, tanto por parte do Concello como por pola Xunta de Galiza”.
Igrexas cualificou de “inaceptábel” que a concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, “mentise deliberadamente a toda a cidade e en presenza do alcalde” na rolda de prensa ofrecida o pasado mércores, e sinalou que os propios bombeiros e a súa representación sindical deixaron en evidencia as falsidades infames coas que a señora Rodríguez Calviño pretendeu fuxir das súas responsabilidades.
Neste sentido, considerou gravísimas e “unha ofensa á intelixencia” as manifestacións da concelleira nas que aseguraba descoñecer o número de bombeiros operativos no momento en que se produciu o incendio. “Eu mesmo coñecín desde pouco antes das 8 da mañá do propio mércores a cifra que confirmaron os bombeiros este venres: eran 17, dos que 16 se desprazaron desde os parques de Coruxo e Teis para interviren directamente na extinción e 1 quedou de retén atendendo a centraliña”, reprochou.
O portavoz municipal nacionalista afirmou que Rodríguez Calviño volveu mentir cando afirmou que os efectivos mobilizados foran os suficientes, tendo en conta que o seu Goberno definiu en 2010 como mínimo 20 e que nun recente informe subscrito polos xefes de servizo de bombeiros e de seguridade eleva a 23 a dotación operativa necesaria para atender con garantías situacións de emerxencia. “Hai unha pregunta que produce arrepíos simplemente formulala: que tería pasado se se produce un segundo incendio noutro punto da cidade no mesmo momento? Quen ía decidir que vidas se salvan e cales non?”, interpelou.
Igrexas defendeu con rotundidade que “As viguesas e os vigueses non merecen un Goberno municipal que diante dunha traxedia sen precedentes lles minta con todo descaro”. Polo que esixiulle ao alcalde, Abel Caballero, “que esta mesma mañá cese a Patricia Rodríguez Calviño que non pode continuar nin un minuto máis como concelleira delegada da área de Seguridade” e que pida desculpas á cidadanía.
Problema estrutural
Desde o BNG denuncian que a insuficiencia de persoal no servizo de bombeiros non é unha circunstancia nova, senón que se trata dun problema que provocou a nefasta xestión de Abel Caballero que, lembran, leva 16 anos exercendo as responsabilidades de Goberno nas áreas de Persoal e de Seguridade.
Á inexecución das ofertas de emprego público, que fan que arestora haxa preto de 400 prazas de persoal municipal sen adxudicar, engádese a negativa reiterada de explorar solucións a través do diálogo cos representantes sindicais dos bombeiros. A este respeito critican que o único que fixo Caballero diante do conflito foi impoñer un decreto ilegal que obrigaba a realización de horas extras e vulnerar o dereito a folga dos propios bombeiros con decretos de servizos mínimos que foron tombados pola Xustiza.
Esta situación, de falla de persoal, provocou que o pasado 17 de setembro, cando se produciu o incendio no Punto Limpo Municipal, por primeira vez na historia se tiveran que pedir reforzos de parques de fóra da cidade. Ademais, a falla de bombeiros impediu que puidesen colaborar no incendio rexistrado en Moaña o pasado 6 de outubro. E esta mesma madrugada volveu quedar en evidencia, cando no momento no que se producía un incendio nas instalación deportivas do Carme só había 14 efectivos dispoñíbeis.
“Vigo sen bombeiros non é segura”, proclamou Igrexas, lamentando que Vigo dispón dun plantel de 115 cando farían falla como mínimo 180 para dimensionar adecuadamente un servizo de emerxencias para unha cidade de 300 mil habitantes e 110 quilómetros cadrados. Desde o BNG fan propia a advertencia que este mesmo domingo trasladaba o Colectivo de Bombeiros Comarcais de Galiza: “Consentir que o Servizo de Extinción de Incendios se estea prestando en condicións inferiores ás estabelecidas implica que os responsábeis da prestación dos servizo sexan cómplices de calquera desgraza que cunha dotación de persoal axeitada se puidese evitar”.
“É hora das solucións. É momento das decisións. Hai que pasar das palabras aos feitos e abordar con seriedade este grave problema para a cidade. Iso esixe, antes de máis, o inmediato relevo na concellería de Seguridade e atender de maneira urxente a solicitude das organizacións sindicais da posta en marcha dunha verdadeira mesa de diálogo. Vigo non merece menos”, remachou o portavoz municipal nacionalista.