Vigo, Galicia
Vigo

El BNG de Vigo exige a Caballero que anule definitivamente la talla de árboles en la Falperra que fue paralizada gracias a la movilización vecinal

  • A fronte nacionalista demanda que se convoque unha xuntanza urxente do Consello Sectorial de Medio Ambiente do Concello para abordar a posta en marcha dun Plan de protección do arboredo na cidade

Xabier P. Igrexas: “As viguesas e vigueses queren e merecen máis árbores e non menos, queren e merecen unha cidade máis naturalizada para que o verde lle gañe a batalla ao gris do cemento e o asfalto

O Bloque Nacionalista Galego vén de solicitar formalmente ao Goberno municipal de Vigo a anulación definitiva da talla de árbores prevista no talude da Falperra que foi paralizada esta mañá pola protesta da veciñanza.  Unha actuación que se engade ás tallas perpetradas recentemente na rúa Manuel Olivié ou Samil, ou á grave ameaza que paira sobre o bosque e humidal de Casaliños, en Navia, por causa do novo PXOM.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, achegouse esta mañá á concentración veciñal, promovida polo colectivo “Amigas das Árbores”, que impediu de maneira pacífica a talla de varios exemplares de grande porte na Falperra. “Que sexa a mobilización das veciñas e veciños quen paralice unha talla dá moi boa conta do amplísimo rexeitamento social que provoca a política arboricida do Goberno municipal de Abel Caballero”, expresou. 

Igrexas advertiu o rexedor de que “Vigo non soporta máis arboricidios que supoñen un suicidio ecolóxico, e as viguesas e vigueses reclaman o seu dereito a unha cidade verde, na que o arboredo urbano xoga un papel absolutamente esencial en termos de sustentabilidade”.

Con ese obxectivo, o BNG xa solicitou que a talla paralizada se anule de maneira definitiva. A fronte nacionalista demandou tamén a convocatoria urxente do Consello Sectorial de Medio Ambiente do Concello, para definir medidas concretas como a posta en marcha dun Plan de Protección do Arboredo, demandado desde hai anos polo BNG e organizacións de defensa ambiental.

“Non podemos seguir soportando tallas arbitrarias e sen motivo, que se pretenden xustificar con invocacións xenéricas a problemas de seguridade, pero que van en contra da normativa ambiental, a principiar pola propia ordenanza municipal de medio ambiente”, explicou. Tallas que son consecuencia tamén do incumprimento dos pregos da concesión do servizo de mantemento das zonas verdes da cidade.

Para Igrexas “hoxe a cidadanía deu un paso decisivo para deixar claro que as árbores non son postes, nin parte do mobiliario, e desde o BNG volvemos esixirlle ao alcalde leñador que garde dunha vez por todas a motoserra coa que está a destrozar os espazos verdes da cidade”

“As viguesa e vigueses queren e merecen máis árbores e non menos, queren e merecen unha cidade máis naturalizada para que o verde lle gañe a batalla ao gris do cemento e o asfalto”, remachou.

Deja una respuesta