Vigo, Galicia
Vigo

El BNG de Vigo denuncia demoras de un mes en los servicios sociales del Ayuntamiento y urge refuerzos frente a la crisis

A fronte nacionalista ve inadmisíbeis as longas esperas para unha cita cando a cidade enfronta un agravamento da emerxencia social e dispón de recursos para mitigala.   

Xabier P. Igrexas: “Os servizos sociais municipais seguen ao límite do seu colapso, cada traballador/a social asume case cinco veces máis poboación da recomendada”.

O Bloque Nacionalista Galego denuncia demoras “intolerábeis” de até tres e catro semanas para ser atendido nos servizos sociais do Concello de Vigo. A fronte nacionalista reclama reforzos urxentes do Goberno municipal nesta materia diante do agravamento da emerxencia social na cidade, derivada da escalada de prezos, e reitera a petición de incrementar os recursos neste departamento ante a insuficiencia de medios que padece desde hai anos.

“Estas demoras son absolutamente inadmisíbeis nunha cidade con máis de 60 mil persoas en risco de exclusión social e pobreza, con máis da metade dos fogares de Vigo atravesando serias dificultades para chegar a fin de mes e con máis de 20 mil persoas desempregadas”, criticou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

O edil nacionalista subliñou que os medios dos que dispoñen os servizos sociais son “insuficientes” e levan demasiado tempo “ao límite do colapso”, co seu persoal asumindo case cinco veces máis poboación da recomendada. Así, o Consello Xeral de Traballadoras Sociais estabelece unha recomendación de 3 mil habitantes por cada traballador ou traballora, unha ratio que en Vigo supera as 15 mil persoas.

Igrexas afeou a falla de compromiso do goberno de Abel Caballero pese a que o Concello dispón de recursos para enfrontar a actual situación de crecente empobrecemento. Só no último exercicio, apuntou o concelleiro do BNG, quedaron sen gastar 120 millóns de euros do orzamento municipal e restan máis de 70 millóns que poden ser mobilizados nas contas deste ano.

“Urxe unha resposta enérxica e decidida por parte do Goberno municipal”, demandou Igrexas, que destacou o feito de que “nunca a cidade dispuxo de tantos medios económicos para converterse nun verdadeiro parapeto social, nesa primeira liña de coidados que evite que a actual agudización da crise económica, laboral e produtiva se traduza nun novo saqueo contra a maioría social”.

Deja una respuesta