Vigo, Galicia
Política Vigo

El BNG de Vigo demanda que las becas de comedor se resuelvan antes del inicio de curso

Chaman a evitar un novo “calvario” para familias e ANPAs como o do presente curso no que as axudas se resolveron a finais de novembro e comezaron a pagarse a mediados de decembro

_Sobre a posíbel cancelación do concerto de Guns N’ Roses: Xabier P. Igrexas intepela a Abel Caballero afirmando que “quen se quixo apuntar o éxito de traer aos Guns N’ Roses a Vigo ten que dar agora a cara”.

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo demanda ao Goberno municipal a garantía de que as becas de comedor, libros de texto e material escolar, que iniciarán a súa tramitación o vindeiro luns se resolvan antes do inicio de curso e non nun máximo de seis meses como prevén as bases.

O concelleiro e futuro Portavoz do Grupo municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, destacou que se trata “dunhas axudas que son absolutamente vitais para máis de 3 mil familias da nosa cidade”, polo que instou ao Goberno local a que poña todos os medios necesarios para evitar o calvario da convocatoria do ano pasado.

En 2022 as axudas resolvéronse a finais de novembro e comezaron a pagarse case a mediados de decembro, provocando un grave prexuízo as familias que non sabían se eran ou non beneficiarias e tamén ás ANPAs que tiveron que adiantar durante varios meses o importe das becas con recursos propios.

“Demandamos ao Goberno municipal a que garanta que no inicio do curso escolar as axudas van estar debidamente resoltas e que se axilice tamén o abono anticipado das becas. Non ten xustificación que o Concello da maior cidade galega teña en vilo a miles de familias pola súa incapacidade na xestión dunhas axudas que convoca todos os anos. “ afirmou Igrexas

Guns N’ Roses

En relación á posíbel cancelación do concerto de Guns N’ Roses na cidade, após ficar deserto o contrato para o patrocinio publicitario do Concello de Vigo, Igrexas amosou a súa “incomprensión de que algo así poida suceder”.

“Non coñezo precedentes en ningunha cidade galega nin do Estado onde un concerto deste nivel estea no aire a dez días e con máis de 22 mil entradas vendidas por un problema na xestión dun patrocinio”, asegurou o edil nacionalista.

“É claro que os atallos pola porta de atrás poden conducir a caleixóns sen saída”, advertiu, criticando un proceso de licitación envolvido en “evidentes sospeitas de irregularidades” e cunhas bases que “parecían ser elaboradas ad hoc para este concerto”.

Desde o BNG reclaman ao Goberno municipal que dea explicacións. “Quen se quixo apuntar o éxito de traer aos Guns N’ Roses a Vigo ten que dar agora a cara”, esixiu Igrexas interpelando directamente a Abel Caballero.

Deja una respuesta

Hide picture