- Contrapón os 107,5 millóns anunciados para a ampliación de Balaídos aos recursos destinados a vivenda pública, axudas sociais e emprego
- A fronte nacionalista reclama unha comisión de estudo con todos os grupos municipais, unha auditoría independente do impacto económico e social e que a decisión se someta á opinión da cidadanía
- Acusan a Caballero de querer converter o prometido “Guggenheim do fútbol no seu mausoleo, como Fraga coa Cidade da Cultura”
- Xabier P. Igrexas: “As viguesas e os vigueses teñen dereito a saber en que vai mellorar a cidade e a súa calidade de vida enterrando 107 millóns de euros en formigón”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo cuestiona que sexa unha prioridade dedicar 107,5 millóns de euros á ampliación do estadio de Balaídos para que a cidade poida ser sede do Mundial de fútbol de 2030. O portavoz municipal da fronte nacionalista, Xabier P. Igrexas, considera dunha “absoluta frivolidade” anunciar este investimento —que se sumaría aos máis de 60 millóns xa destinados á reforma aínda inconclusa do estadio— sen presentar un proxecto concreto, documentación técnica nin unha avaliación do retorno económico e social para a cidade.
Igrexas advertiu de que se trata do maior investimento municipal anunciado na historia de Vigo e criticou que Abel Caballero dese a coñecer a cifra mediante declaracións enlatadas, remitidas aos medios sen admitir preguntas, e sen achegar documentación que permita coñecer o alcance real da actuación. “Despachar unha mobilización enorme de diñeiro público con declaracións e algunha infografía, sen achegar un só plan ou proxecto concreto, é a demostración do seu estilo de goberno aparencial: todo pura propaganda”, denunciou.
O portavoz nacionalista lembrou que os 107,5 millóns anunciados se distribúen en 86,7 millóns para reformar e ampliar novamente a bancada de Tribuna; 11,7 millóns para dous campos, dous centros de adestramento e actuacións noutras bancadas; e 9,1 millóns para o Comité Organizador, o programa de voluntariado, aparcamentos e outros servizos.
Sen proxecto, sen orzamento e sen licitación
O BNG cuestiona que, desde que Caballero anunciou a súa intención de converter Vigo en sede mundialista, non se produciron avances concretos. Segundo sinalou Igrexas, non houbo partidas orzamentarias específicas para o proxecto nos exercicios de 2025 e 2026, nin tampouco existe un proxecto de reforma ou proceso de licitación aberto. “Todo en punto morto, a pesar das delirantes declaracións nas que cada semana Caballero asegura que a reforma para o Mundial xa está en marcha”, afirmou.
Igrexas criticou tamén o modelo de actuación desenvolvido en Balaídos e que se pretenda continuar ampliando o investimento nunha infraestrutura cuxa reforma actual segue sen concluír. “Caballero prometera facer de Balaídos o Guggenheim do fútbol, acabou sendo unha versión atrapallada da Sagrada Familia con obras eternas e unha execución bastante chapuceira, e agora pretende converter o estadio no seu particular mausoleo, seguindo o modelo da descomunal Cidade da Cultura de Fraga”, declarou.
Prioridade
O portavoz do BNG contrapuxo o investimento previsto para o estadio aos recursos que o Concello reserva para atender necesidades básicas da veciñanza. Segundo as cifras estimadas pola fronte nacionalista, entre a reforma actual e a ampliación para o Mundial, Balaídos concentraría case 170 millóns de euros, fronte aos 4,5 millóns previstos para a Empresa Municipal de Vivenda, que aínda non se constituíu; os 1,2 millóns destinados a axudas sociais municipais, que denuncia que se reduciron á metade desde 2020; ou pouco máis dun millón para o Plan de Emprego Municipal.
O nacionalista lembrou que Vigo ten arredor de 60.000 persoas en risco de pobreza e exclusión social e se aproxima ás 15.000 persoas desempregadas. Neste contexto, considera necesario abrir un debate sobre as prioridades do gasto municipal.
“Sabendo que as necesidades son infinitas e os recursos sempre son limitados, gobernar é sobre todo priorizar”, afirmou Igrexas. Como exemplo, sinalou que os 107,5 millóns anunciados para a ampliación de Balaídos poderían permitir promover preto de 1.200 vivendas protexidas, mediante promoción pública directa e cooperativismo.
E cuestionou ademais que se proxecte un macroestadio mentres existen deficiencias nas instalacións deportivas municipais, con ximnasios e pavillóns que “caen a pedazos”, piscinas con pingueiras no teito e pistas de atletismo nun “estado lamentábel”.
Transparencia e participación
Diante desta situación, o BNG volverá solicitar formalmente a creación dunha Comisión de Estudo e Seguimento, coa presenza de todos os grupos municipais, para coñecer en detalle o proxecto, o seu custo e os compromisos económicos que implicaría para o Concello.
A fronte nacionalista reclama tamén que se encargue a unha auditora independente un estudo de impacto económico e social que permita avaliar con datos obxectivos e verificábeis o retorno real que tería para Vigo converterse en sede do Mundial. “Queremos datos, non fábulas e contos”, resumiu Igrexas.
O portavoz municipal considera que unha decisión deste alcance non pode adoptarse de maneira impulsiva nin quedar exclusivamente en mans do Goberno local. “Se Abel Caballero quere que ser sede do Mundial sexa un proxecto de toda a cidade e non unha teima persoal, terá que permitir que a cidade decida”, advertiu.
O BNG reclama que, unha vez coñecidos os detalles do proxecto e o seu impacto económico e social, se escoite a opinión das viguesas e dos vigueses. “Porque o rodete dunha conxuntural maioría absoluta no Pleno non pode hipotecar a cidade nin decidir, en réxime de monólogo, o uso de 107,5 millóns de euros”, concluíu Igrexas, lembrando que este proxecto non facía parte do programa electoral co que Caballero concorreu ás pasadas eleccións municipais.
