Vigo, Galicia
Vigo

El BNG de Vigo afea la agilidad de Caballero para subvencionar la Iglesia católica mientras tiene sin convocar las bolsas de los comedores escolares

  • A fronte nacionalista critica que no que vai de ano o Goberno municipal xa teña destinado máis de un cuarto de millón de euros a unha confesión relixiosa, mentres millares de familias fican na incerteza de saber se poderán levar ou non as súas crianzas ao comedor escolar

Xabier P. Igrexas: “Que pensa facer o Goberno municipal para evitar que crianzas que precisan do servizo de comedor queden sen el por non saber se van recibir a beca deste curso? Esperemos que sexa algo máis que enviarlles unha estampa do Cristo da Vitoria, porque de procesións non se come”

Desde o Bloque Nacionalista Galego veñen de criticar a axilidade do Goberno municipal de Vigo á hora de subvencionar á Igrexa Católica mentres ten pendente de convocatoria as bolsas dos comedores escolares da cidade.

A fronte nacionalista cualificou de “indecente” que a Xunta de Goberno Local veña de acordar unha subvención de de 50 mil euros para financiar a procesión do Cristo da Vitoria, sumando no que vai de ano xa máis dun cuarto de millón de euros en axudas públicas do Concello de Vigo á Igrexa Católica.

“É indecente e inaceptábel esa axilidade e compromiso do Goberno de Abel Caballero para entregar diñeiro público a unha confesión relixiosa fronte a demora de record olímpico que sofre a convocatoria dunha axuda social absolutamente esencial como son as bolsas dos comedores escolares”, afirmou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que denunciou que estas axudas levan desde o pasado 13 de maio, cando se publicaron as súas bases, pendentes de que se convoquen e se abra o prazo de solicitude.

Igrexas subliña que “falamos dunhas axudas que son vitais para millares de familias da nosa cidade e que permiten garantir algo tan básico como a axeitada alimentación de crianzas”

Neste sentido, o nacionalista lembra que o curso pasado estas axudas xa foron convocadas tarde, no mes de xuño e a súa tramitación provocou que se comezaran a pagar na segunda quincena de decembro, a piques de rematar o primeiro trimestre.

Pero este ano, advirte, a “nefasta xestión do Goberno municipal” vai facer que, moi probabelmente, comece en setembro o curso sen ter nin tan sequera rematado o prazo de solicitude. Isto vai atrasar, como nunca antes sucedera na historia da cidade, o pago destas bolsas a, como moi cedo, inicios do ano 2025 tal e como xa avertiron as ANPAs. “Falamos de que o desleixo e incompetencia do desgoberno de Caballero vai ter a preto de 4 mil familias durante máis de medio curso sen saber se contan ou non coa beca de comedor”, denunciou o portavoz municipal nacionalista.

“A pregunta é que pensa facer o Goberno municipal para evitar que crianzas que precisan do servizo de comedor queden sen el por non saber se van recibir a beca deste curso? Esperemos que sexa algo máis que enviarlles unha estampa do Cristo da Vitoria, porque de procesións non se come” remachou Igrexas.

Deja una respuesta

Hide picture