Vigo, Galicia
Galicia Vigo

El Área sanitario de Vigo participa en la red nacional ricapps

O Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur lidera varios proxectos de investigación na Rede de Investigación en Cronicidade, Atención Primaria e Promoción da Saúde

As enfermidades crónicas son as principais causas de mortalidade en Europa e a maioría delas pódense previr implementando estratexias de promoción da saúde e prevención da enfermidade

A Rede RICAPPS, que acaba de ser constituída, nace co obxecto de investigar estas estratexias e transferir os seus resultados á práctica clínica para mellorar así a atención sanitaria á poboación

O grupo I-Saúde do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, participa na Rede de Investigación en Cronicidade, Atención Primaria e Promoción da Saúde (RICAPPS), que ven de ser constituída ao amparo do Instituto de Saúde Carlos III.

O obxectivo xeral da RICAPPS é promover a investigación en rede a nivel nacional orientada cara aos resultados de saúde en atención primaria, cronicidade e promoción da saúde. O fin é transferir os resultados á práctica clínica e ás organizacións de servizos de saúde, e garantir así a mellora da atención sanitaria para a poboación.

Segundo explica a coordinadora destes proxectos na Área Sanitaria de Vigo, Ana Clavería “estamos moi satisfeitos de formar parte desta Rede xa que participación da nosa área supón que Vigo está presente nos principais foros investigadores de España” .

Enfermidades crónicas, principais causas mortalidade

As enfermidades crónicas son as principais causas de mortalidade en Europa e España. Ademais, requiren dunha atención sanitaria complexa, integrada e coordinada a longo prazo, involucrando a diferentes profesionais sanitarios, recursos (medicamentos, probas diagnósticas, cirurxía, rehabilitación, coidados de enfermaría) e, en ocasións, unha coordinación cos servizos sociais.

Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) e diversos organismos e sociedades científicas, a maioría destas enfermidades pódense previr implementando estratexias de promoción da saúde e prevención da enfermidade, que permitirían manter a calidade de vida dos pacientes en niveis aceptables, optimizando tamén o consumo de recursos sanitarios. Para iso, débese mellorar o coñecemento sobre as mellores estratexias para dar unha solución, e catalizar a aplicación real dos coñecementos xerados pola investigación na práctica clínica diaria.

“A Atención Primaria é o contacto máis frecuente e accesible da poboación, e o nivel asistencial responsable da atención e seguimento dos pacientes con enfermidades crónicas. Por isto, implementar estratexias e protocolos cun enfoque integrado, lonxitudinal e centrado na persoa é necesario para garantir a sustentación dos sistemas. Para dar resposta a este reto, creouse a Rede RICAPPS”-explica a Dra. Clavería.

Proxectos de investigación

Esta Rede está formada por 26 grupos de investigación e 9 grupos clínicos asociados, situados en 12 comunidades autónomas.

Unha das prioridades da Rede é fomentar o traballo colaborativo, a transferencia de coñecemento e a posibilidade de compartir experiencia, recursos e información entre os diferentes grupos. Para iso, os grupos contarán coa colaboración de profesionais e especialistas de atención primaria, prevención, saúde pública, epidemioloxía, matemáticas, estatística, avaliación económica, farmacoloxía, psicoloxía, socioloxía, antropoloxía e outras especialidades.

A finalidade é garantir un enfoque metodolóxico de alta calidade, co obxectivo de acadar unha atención máis integral que inclúa a promoción da saúde, a mellora da prevención, o diagnóstico e o tratamento, e unha atención especializada ás enfermidades crónicas.

Neste momento a Rede ten activos 14 proxectos nacionais e internacionais con varios obxectivos: analizar o impacto das estratexias de promoción da saúde e prevención primaria con perspectiva de xénero no ámbito da comunidade; avaliar os procesos diagnósticos e terapéuticos das patoloxías máis frecuentes na Atención Primaria e promover o co-diseño e desenvolvemento de intervencións centradas no paciente e na comunidade, para mellorar a alfabetización en saúde, incrementar o empoderamento e a autonomía dos pacientes.

En concreto, o grupo vigués lidera varios proxectos. Ana Clavería sintetiza os máis subliñables, “en liña co impulso á Saúde Dixital da Consellería de Sanidade, estamos liderando un proxecto para analizar datos de historia clínica electrónica con tres comunidades autónomas. En medicina clínica, temos en marcha varios plans relacionados coa hipertensión e actividade física; ademais, proximamente subiremos a Internet unha calculadora online para identificar sobrepeso, un proxecto no que tamén participaron especialistas en pediatría desta Área Sanitaria”.

Deja una respuesta