Vigo, Galicia
Vigo

CIG advierte a Vitrasa: o mueve ficha para resolver el conflicto o se agravará

O comité de empresa de Vitrasa, e de maneira moi clara a sección sindical da CIG, volvemos demostrar de xeito rotundo a nosa disposición honesta a negociar para resolver o conflito aberto desde hai case tres anos a través do preacordo logrado na última mesa de negociación. Un preacordo que desde a CIG entendiamos que podía ser o punto de partida para desbloquear o conflito e avanzar cara a un convenio colectivo digno, e no que a única contrapartida sindical era a desconvocatoria durante tres semanas da folga para abrir unha nova etapa de diálogo, pero que condicionamos desde o primeiro momento á súa ratificación por parte dos traballadores/as en asemblea.

O resultado desa consulta envía unha mensaxe moi contundente no sentido de que este primeiro paso dado pola empresa, despois de anos sen a máis mínima intención real de avanzar na negociación, non é suficiente. A dirección de Vitrasa ten que tomar boa nota da mensaxe clara do persoal, que de maneira moi maioritaria avala a continuidade da folga indefinida, e ten que dar pasos máis decididos con compromisos de maior calado para crear as condicións que permitan iniciar unha verdadeira negociación.

Se hai unha irresponsabilidade como causa desta situación non é nin do comité, nin da CIG, nin do cadro de persoal. A irresponsabilidade que nos trouxo até aquí é a dunha dirección empresarial que en lugar de dialogar durante unha folga indefinida que xa vai camiño de superar as 50 xornadas o que fixo foi criminalizar o seu persoal, reprimir a acción sindical coa apertura de novos expedientes sancionadores e insistir no bloqueo envalentonada pola complicidade do Goberno municipal de Abel Caballero.

O preacordo rexeitado polo persoal o que si demostrou é que a liña vermella que utilizou a empresa durante todo este tempo para negarse a negociar era unha escusa falsa: non hai que esperar ao reequilibrio económico da concesión para poder abordar a imprescindíbel subida salarial despois de case catro anos de conxelación cunha importante perda de poder adquisitivo.

Desde a nosa máis absoluta e incuestionable firmeza na defensa dos dereitos dos traballadores/as de Vitrasa, a CIG volvemos tender a man para que a dirección da empresa atenda a mensaxe que o seu persoal lle ven de enviar e avancemos con maior intensidade e velocidade na mellora das condicións laborais e salariais para lograr poñer fin a un conflito que do contrario seguirá alongándose.

É Vitrasa quen ten que decidir agora: ou avanzamos cara a unha solución ou afondamos no conflito. Iso é o que ten que definirse na próxima mesa de negociación que urximos se convoque canto antes.

Deja una respuesta

Hide picture