Vigo, Galicia
General Portada

BNG reclama 45 millóns de euros nos Orzamentos Xerais do Estado para a cidade de Vigo

Xabier Pérez Igrexias destacou que este proxecto de orzamentos en relación con Galiza e concretamente con Vigo, volve deixar os principais asuntos da cidade a un lado. Néstor Rego salientou a necesidade da importancia dunha saída sur, así como a mellora da conexión ferroviaria entre o eixo Vigo-Tui contemplando o tren de proximidade e o transporte de mercadorías coa conexión ferroviaria co porto da cidade.


As emendas parciais que o Bloque Nacionalista Galego presenta aos Orzamentos Xerais do Estado contemplan un incremento global dos investimentos na cidade de Vigo por un valor de 45 millóns de euros, informaron esta mañá en conferencia de prensa o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas.

“Para alén da evidente discriminación na que concorren estes orzamentos en relación a Galiza, o proxecto orzamentario que presenta o Goberno do Partido Socialista e de Podemos volve deixar os principais asuntos da cidade de Vigo a un lado” destacou Pérez Igrexas. Para o BNG é o momento de pasar das palabras aos feitos, convertendo as boas vontades en partidas económicas suficientes para que deixen de ser proxectos sen prazos.

Con ese obxectivo, o BNG promove emendas que pretenden incrementar por volta de 45 millóns de euros o investimento do Estado en Vigo. Unha das principais partidas da formación nacionalista está destinada a atender a situación de emerxencia produtiva e laboral que padece a cidade e a comarca de Vigo a través dun plan específico de reactivación económica e industrial dotado de 10 millóns de euros. “Un plan que permita apuntalar actividades estratéxicas como a construción naval ou o sector da automoción, mais tamén, desenvolver as enormes potencialidades da área de Vigo no ámbito da innovación e da tecnoloxía” sinalou o portavoz municipal.

Cómpre subliñar que os últimos datos da EPA recollían que na cidade de Vigo, a día de hoxe, hai 9.100 postos de traballo menos que en 2009, dos que 6.500 foron destruídos en actividades industriais.

Unha parte importante das emendas presentadas pola formación nacionalista pretende pór os recursos necesarios para desbloquear unha vez por todas a imprescindíbel mellora da conexión ferroviaria da nosa cidade. Néstor Rego destacou a importancia dunha saída sur que “é estratéxica e que non pode seguir demorándose”, así como a mellora da conexión ferroviaria entre o eixo Vigo-Tui contemplando o tren de proximidade e o transporte de mercadorías coa conexión ferroviaria co porto da cidade. Ademais destacou que “é fundamental potenciar decididamente o aeroporto de Peinador cun plan de dinamización do aeroporto, o enlace coa AP-9 e a construción dun área loxística nas inmediacións do aeroporto para aproveitar as súas enormes potencialidades”.

As emendas do BNG perseguen dar resposta ás necesidades importantes que afectan concretamente a diferentes barrios da cidade, que teñen sido desatendidas polos sucesivos gobernos do PP e do PSOE en Madrid. Como a instalación das barreiras acústicas ao paso da AP-9, a mellora dos pasos elevados nos camiños da Xorxa e da Trapa e o soterramento da VG-20 ao seu paso por Navia.

No que ten que ver coa cidade en temas ambientais, as emendas dos nacionalistas recollen dúas cuestións concretas como a instalación das pantallas vexetais na estación depuradora do Lagares e seguir apostando na recuperación ambiental das Illas Cíes que son un verdadeiro patrimonio natural do noso país.

Xabier Pérez Igrexas salientou que é necesario que o Estado contribúa en tres proxectos de gran relevancia para a cidade de Vigo: o cofinanciamento dunha nova estación potabilizadora para a que se demanda unha partida de 5 millóns de euros e que se doten adecuadamente as partidas destinadas á biblioteca do Estado e ao sostemento económico do Museo de Arte Contemporáneo de Vigo con 100.00 euros máis do previsto.

Imaxe

Deja una respuesta