A ONG pide ás persoas candidatas ás xerais por Pontevedra un compromiso para prohibir as pelotas de goma na vindeira lexislatura
Amnistía Internacional (AI) reclamou onte ao Ministerio de Interior do goberno de España e ao Defensor del Pueblo que investiguen as actuacións policiais durante a folga do metal nas últimas semanas en Vigo para esclarecer posibles casos de uso excesivo da forza.
As imaxes difundidas por diferentes medios de comunicación e xornalistas en redes sociais mostran disparos indiscriminados contra unha concentración de persoas, algo prohibido polas normas internacionais sobre o uso da forza.
“Ante as cargas policiais rexistradas estes días contra traballadores en folga do sector do metal en Vigo, amosamos a nosa preocupación polas posibles vulneracións de dereitos humanos cometidas pola policía nacional”, declarou Montserrat Jáudenes, coordinadora da campaña Dereito á Protesta en Amnistía Internacional Vigo. “Instamos á Subdelegada do Goberno en Pontevedra e ao Delegado do Goberno en Galicia a que investiguen as actuacións policiais levadas a cabo nas últimas semanas en Vigo” engadiu a voceira local de Amnistía Internacional.
Prohibición das pelotas de goma na vindeira lexislatura
AI pediu tamén aos partidos e persoas candidatas pola provincia de Pontevedra un compromiso real e efectivo para prohibir o uso de pelotas de goma na vindeira lexislatura, por ser intrinsecamente imprecisas e pola elevada probabilidade de causar lesións graves. “A traxectoria das as pelotas de goma é imprecisa e indiscriminada, non se poden rastrexar e teñen un risco alto de causar lesións graves”, sinalou a voceira de Amnistía, que ten aberta unha campaña de recollida de sinaturas sobre o tema que leva máis de 15.000 firmas de apoio.
A Comisión de Dereitos Humanos do Consello de Europa insta a non utilizar este tipo de armas menos letais no contexto de manifestacións públicas. Empregalas co propósito de castigar pode chegar a constituír actos de tortura.
AI pediu a calquera persoa que resultase mancada nestas protestas pola acción policial que contacte coa organización nas redes sociais de AI Vigo ou escribindo ao correo vigo@es.amnesty.org, a fin de poder trasladar a información e dos datos pertinentes ao Departamento de Investigación de Amnistía Internacional.
