– Co gallo do Día da Árbore 2025, a Asociación Amigas das Árbores de Vigo fai pública a
súa Declaración polo Arborado Urbano, na que denuncia a destrución sistemática das árbores da cidade a través de
podas brutais e talas indiscriminadas.
Un modelo de xestión que pon en risco o patrimonio verde de Vigo
Na súa Declaración, Amigas das Árbores sinala que Vigo está a sufrir un arboricidio promovido polo propio Concello,
que permite podas agresivas e talas masivas sen criterio técnico nin ambiental. Esta destrución non é accidental, senón
parte dun modelo de negocio das contratas do mantemento de zonas verdes, que converten as árbores en elementos
prescindibles para aforrar custos e maximizar beneficios.
«Non estamos ante coidados forestais, senón ante unha destrución encuberta do noso arborado. As podas extremas
que debilitan as árbores e as talas sen reposición fan que cada vez haxa menos árbores de gran porte en Vigo,
substituíndoas por arbustos sen funcionalidade ecolóxica», denuncia a Asociación.
O manifesto esixe cambios urxentes na xestión do arborado urbano
Na súa Declaración, Amigas das Árbores insta ao Concello de Vigo a:
- Frenar de inmediato as podas drásticas e ilegais.
- Sancionar ás empresas concesionarias que incumpren as boas prácticas de arboricultura.
- Repoñer todas as árbores eliminadas con exemplares da mesma especie e de tamaño axeitado.
- Garantir unha xestión transparente e sostible do arborado urbano.
- Recuperar a brigada municipal de xardinería, evitando que o coidado do verde urbano dependa de intereses
privados.
