Vigo, Galicia
Vigo

Amigas das Árbores denuncia la ilegal colocación de luces de Navidad en los árboles de Vigo y advierte de acciones legales

A Asociación Amigas das Árbores de Vigo presentou un escrito formal de denuncia ante o Concello
de Vigo, no que alerta da ilegalidade manifesta da colocación de cableado e iluminación sobre árbores urbanas, xa iniciada pola
empresa contratada Iluminaciones Ximénez como parte da ornamentación do Nadal.
A colocación destes elementos foi detectada xa en pleno mes de agosto, concretamente na rúa Pracer, onde os operarios
colocaban cableado sobre unha Erythrina crista-galli, unha árbore ornamental de gran valor, ante o que responderon: “esa árbore
levará cables, si ou si”, ignorando as advertencias dunha afiliada da Asociación.
Incumprimento da ordenanza municipal
Estas actuacións contraveñen de maneira directa o artigo 16 da Ordenanza Municipal de Zonas Naturais e Espazos Verdes, que
prohibe expresamente:
“cravar puntas, atar ás mesmas randeiras, ferramentas, soportes de andamiaxe, carteis ou calquera outro elemento.”
Esta prohibición non admite excepcións, polo que nin contratos municipais, nin autorizacións administrativas poden amparar
legalmente estas prácticas.
Danos reiterados e documentados
Segundo recolle o escrito, esta situación non é nova: no Nadal de 2024, as podas agresivas realizadas para facilitar a colocación
de iluminación mutilaron centos de árbores en toda a cidade, moitas das cales aínda hoxe amosan síntomas de debilitamento ou
morreron, nunha práctica que a Asociación cualifica de atentado ambiental continuado.
“É unha actuación reiterada, sistemática e consciente, que ten consecuencias irreparables para o arborado urbano e que vulnera
tanto a ordenanza como os compromisos ambientais do Concello”, afirma a presidenta da Asociación, Beatriz de Labra Álvarez.
Advertencia de accións legais
No escrito, a Asociación solicita:
•A inmediata paralización da colocación de cableado e luces nas árbores.
•A prohibición expresa desta práctica nos contratos municipais.
•Unha auditoría independente sobre os danos acumulados no arborado.
•E a resposta formal do Concello, explicando que medidas prevé tomar.
Ademais, advirte da posibilidade de iniciar accións legais, tanto en vía administrativa como penal, por prevaricación ambiental,
dano ao patrimonio público e incumprimento da legalidade vixente, así como de activar unha campaña pública de denuncia e
mobilización social.
O Nadal non pode xustificar a destrución das árbores
Amigas das Árbores rexeita que se empregue o espectáculo como pretexto para vulnerar a legalidade e degradar o patrimonio
natural da cidade:
“Vigo non pode continuar sendo un escenario de destrución sistemática do seu arborado en nome do espectáculo. A saúde
ambiental, o benestar común e o respecto ás leis están por riba do marketing”, conclúe a Asociación.

Deja una respuesta

Hide picture