Vigo, Galicia
General Portada

A área sanitaria de Vigo pon en marcha a primeira unidade multidisciplinar de soporte nutricional de Galicia

  • É unha iniciativa pioneira que parte dos servizos de Farmacia e de Endocrinoloxía e dará cobertura a pacientes hospitalizados e ambulatorios
  • A nova Unidade é das poucas multidisciplinares que hai na sanidade pública española e ten como obxectivo conseguir e manter un adecuado estado nutricional nos enfermos
  • Prestarán servizo facultativos de Endocrinoloxía e Farmacia, enfermaría, persoal técnico de Farmacia, administrativos e celadores
  • No último ano foron atendidos 4.777 pacientes con pautas nutricionais, dos que 724 estaban hospitalizados

A Área Sanitaria de Vigo pon en marcha a primeira Unidade multidisciplinar de Soporte Nutricional de Galicia, unha iniciativa que parte dos servizos de Farmacia Hospitalaria e de Endocrinoloxía, mediante un traballo interdisciplinar de cada un deles, e que se presentou oficialmente hoxe.

A Unidade será das poucas deste tipo que funcionan na sanidade pública española e dará cobertura a pacientes hospitalizados e ambulatorios, que serán derivados tanto desde Atención primaria como hospitalaria. O obxectivo é prestar un servizo para satisfacer as necesidades nutricionais de pacientes con diversas patoloxías ou problemas de saúde e conseguir e manter un adecuado estado nutricional en todos eles.

O carácter multidisciplinar da Unidade sitúa ao paciente no centro do proceso asistencial, e as súas accións están encamiñadas a poñer en valor o papel preventivo, terapéutico e de aforro de complicacións asociado ao adecuado soporte nutricional do paciente.

O traballo asistencial levarase a cabo tanto no Hospital Álvaro Cunqueiro como no Meixoeiro e en estreita colaboración cos centros de saúde e cos distintos servizos de hospitalización da Área Sanitaria.

Segundo afirma a coordinadora desta nova Unidade, a xefa do servizo de Farmacia Hospitalaria Guadalupe Piñeiro, “É un proxecto moi ilusionante e cremos que é fundamental para que os pacientes, con distintas doenzas en domicilio ou hospitalizados, poidan dispoñer dunha pauta nutricional que lles sirva para recuperarse e, sobre todo para mellorar a súa calidade de vida”.

Os enfermos hospitalizados que atenderá este novo dispositivo asistencial serán tanto aqueles que estean ingresados con vinculación ao Servizo de Endocrinoloxía, como os que están noutros servizos do hospital e para os que se solicite unha interconsulta.

Ademais da propia actividade asistencial, a nova Unidade ten en marcha unha liña de investigación coa Universidade, dúas teses doutorais, e participa en varios proxectos e estudos clínicos.

4800 pacientes atendidos

Durante o último ano, 4.777 pacientes da Área Sanitaria foron atendidos con pautas nutricionais. Deles, 724 recibiron nutrición parenteral (intravenosa) mentres estaban hospitalizados, e o resto, 4.049 tiveron un soporte nutricional enteral (a través de sonda nasogástica).

Ademais, realizáronse algo máis de 17.000 consultas externas con pacientes da Área Sanitaria de Vigo

A nova Unidade vén a supoñer un traballo conxunto e interdisciplinar entre os dous servizos, Farmacia e Endocrinoloxía, nos dous grandes hospitais públicos da Área Sanitaria de Vigo.

Así, no Álvaro Cunqueiro conta cunha zona de traballo e unha sala branca de elaboración de nutrición parenteral dotada con tres cabinas de elaboración a cargo do Servizo de Farmacia. O Servizo de Endocrinoloxía dispón dunha consulta de Nutrición e un despacho médico.

Pola súa banda, no Hospital do Meixoeiro, Endocrinoloxía dispón de tres consultas da Unidade de Nutrición na zona de Consultas Externas. Farmacia ten dúas consultas da Unidade de Nutrición, así como a zona de traballo administrativo e dous almacéns.

Máis dunha vintena de profesionais

Na Unidade colabora máis dunha vintena de profesionais de diversas categorías dos servizos de Farmacia e de Endocrinoloxía.

Conta con persoal de enfermaría específico nas tarefas de valoración e seguimento nutricional dos pacientes tanto a nivel hospitalario como ambulatorio, e na elaboración das nutricións parenterais co apoio dos técnicos.

Tamén dispón de persoal administrativo con tarefas de xestión. O persoal complétase coa presenza rotatoria de técnicos de Farmacia para a recepción de pedidos e un celador.

A Unidade de Soporte Nutricional terá un coordinador ou coordinadora, que se alternará cada tres anos entre os dous servizos que a integran.

Nutricion

Deja una respuesta