Vigo, Galicia
Vigo

Vecinos de Barreiro denuncian que el Concello ignora la propuesta de 100 familias para el parque para perros

Máis de 100 familias con cans de Lavadores expresan o seu profundo malestar pola decisión municipal de ignorar por completo a súa proposta para un parque canino funcional en Barreiro

O Grupo por un “Parque Canino funcional en Barreiro”, apoiado por 108 familias con cans da zona de Barreiro-Lavadores, manifesta o seu profundo rexeitamento ante a
actitude do Concello de Vigo, que desouviu a proposta técnica fundamentada, rexistrada o 10 de marzo de 2025, segundo confirman os anuncios recentes nos medios de comunicación. Esta situación prodúcese tras cinco meses de silencio administrativo, nos que non se recibiu ningunha
explicación nin argumento técnico que xustifique o descarte das melloras avaladas pola propia cidadanía.

CRONOLOXÍA DOS FEITOS

  • Decembro de 2024: o Concello de Vigo anunciou a creación dunha rede de parques caninos,
    asignando para Barreiro un espazo de 1.105 m² nun emprazamento cuestionado por
    numerosos veciños.
  • 13 de febreiro de 2025: o Concello promove unha suposta consulta cidadá. Porén, esa
    enquisa non permitía valorar a idoneidade dos emprazamentos nin a dimensión dos parques,
    obviando así as necesidades reais das familias con cans e da cidadanía.
  • 10 de marzo de 2025: o noso grupo presentou por rexistro municipal un proxecto
    alternativo, froito dunha análise colectiva exhaustiva, avalado por máis de cen familias con
    cans da zona. A proposta contemplaba 2.200 m² nunha ubicación máis axeitada dentro do
    propio parque de Barreiro, apostando por criterios de funcionalidade real e uso responsable
    do espazo público.
  • Coincidindo coa presentación do noso proxecto, o Concello divulgou a suposta “alta
    aceptación” dos parques proxectados, apoiándose nos resultados da enquisa municipal con
    apenas 894 participantes. En Vigo hai 48.170 cans censados; se cada un ten polo menos dous
    coidadores, falamos de arredor de 96.000 persoas. Con tan só 894 respostas, a enquisa
    recolle pouco máis do 1% da poboación realmente afectada.
    (Fonte dos datos da enquisa: : Faro de Vigo).
  • Agosto de 2025: a prensa confirma que o Concello ratifica a súa proposta inicial, tanto en
    superficie como en localización, evidenciando que a alternativa cidadá quedou totalmente
    excluída do proceso.
    Ata o de agora, o Concello non deu ningunha explicación sobre por que rexeitou as nosas propostas.
    O grave non é só que ignore alternativas mellor fundamentadas, senón que nin sequera tivera a
    mínima cortesía de responder. Invítasenos a participar, pero despois non se escoita nin se argumenta
    nada: abrir un proceso de participación para logo non facer caso do que a cidadanía achega é unha
    incoherencia institucional difícil de xustificar. A sensación é clara: pídese opinión de cara á galería,
    mais négase a escoita real a quen mellor coñece as necesidades do parque.
    A NOSA ALTERNATIVA, UNHA PROPOSTA FUNCIONAL
    E ADAPTADA
    A alternativa desenvolvida polo grupo de familias con cans de Barreiro presenta vantaxes
    obxectivas fronte ao proxecto municipal, tanto en amplitude como en funcionalidade. Trátase de
    deseñar recintos en función de quen os vai desfrutar: os cans e as súas familias. Por iso defendemos:
    Tamaño axeitado vs. gaiolas insuficientes
    Apostar por 2.200 m² axústase a estándares recoñecidos: favorece o benestar animal, permite o
    exercicio e a socialización sa, reduce a conflictividade e asegura un mantemento óptimo do
    contorno.
    Ubicación que respecta o benestar e a seguridade
    A proposta veciñal escolle unha zona resgardada de ruídos, lonxe da estrada e sen invadir outros
    espazos xa acondicionados para uso humano e social. Ademais, aposta por áreas máis arboradas e
    sombreadas, evitando a exposición extrema ao sol e maximizando o confort de animais e usuarios.
    Elementos realmente útiles e sostibles
    En lugar de priorizar investimentos elevados en accesorios de escasa utilidade ou elementos de
    xogo pensados para a foto inaugural, apostamos polo esencial: un espazo seguro, amplo e natural —
    con árbores, herba— e non equipamentos custosos e infrautilizados. Un parque debe responder
    antes de nada ás necesidades específicas dos cans; o demais é accesorio e, na maioría dos casos,
    remata sendo innecesario e de difícil mantemento.
    ASPECTOS ENGAÑOSOS DA PROPOSTA MUNICIPAL
    División en gaiolas que reduce drasticamente o espazo dispoñible
    As infografías publicadas revelan que os 1.105 m² se dividirán en dous recintos separados para cans
    grandes e pequenos, reducindo o espazo real útil. Isto converte o proxecto en dúas gaiolas diminutas
    que non cumpren ningún estándar de funcionalidade.
    Deseño inadecuado para integración paisaxística
    As imaxes facilitadas polo Concello amosan un deseño con:
  • Dimensións distorsionadas que aparentan máis superficie da real
  • Cores rechamantes (branco e vermello) que non se integran no contorno verde do parque
  • Pavimentación con cemento, inadecuada para unha zona natural
    Malgasto por demolición innecesaria
    O Concello construirá sobre un espazo xa humanizado e acondicionado, o que implica:
  • Demoler primeiro a zona habilitada para uso humano
  • Incrementar innecesariamente os custos de execución
  • Desaproveitar unha zona infrautilizada idónea, como a que nós propoñemos
    Ausencia de consulta a expertos
    A planificación das áreas caninas fixérase sen asesoramento de etólogos, veterinarios, educadores
    caninos nin urbanistas especializados, xa que non hai informes técnicos nin evidencia pública que
    amose a participación profesional. Sen este enfoque cualificado, a idoneidade e a eficacia do
    proxecto quedan en dúbida, xurdindo a incógnita de se estes espazos van resultar positivos tanto
    para o benestar animal como para a convivencia cidadá.
    CONCLUSIÓN FINAL: QUE SE ESCOITE ALTO E CLARO
    O NOSO PROXECTO
    Lamentamos profundamente que o Concello estea a deixar pasar unha oportunidade única de
    colaboración real coa cidadanía. Traballamos nunha proposta tecnicamente máis sólida, funcional e
    mellor integrada, avalada por máis de 100 familias con cans que coñecemos de primeira man as
    necesidades dun parque canino en Barreiro. Porén, no canto de valorar este coñecemento, o
    Concello decidiu impoñer un proxecto deficiente que non convence. Esta actitude reflicte unha
    preocupante falta de vontade democrática e un claro desprezo cara á participación cidadá que
    afirmaba querer fomentar.
    Por estes motivos, solicitamos que o Concello reconsidere a súa postura, teña en conta as
    alternativas propostas e destine os case 170.000 euros orzamentados a un proxecto verdadeiramente
    útil, digno, sostible e aliñado coas necesidades reais de Barreiro-Lavadores.
    Que se escoite alto e claro o noso proxecto:
  • Polo benestar dos nosos cans, que merecen espazos dignos onde correr, xogar e socializar
    sen restricións nin perigos.
  • Polo benestar das nosas familias, que buscan nestes parques un refuxio onde compartir
    momentos de alegría e reforzar os lazos cos seus peludos.
  • Por unha convivencia harmoniosa, onde a presenza dos nosos cans sexa motivo de orgullo e
    non de conflito, e onde todos, con ou sen animais, poidamos coexistir en paz e respecto.
Vecinos de Barreiro denuncian que el Concello ignora la propuesta de 100 familias para el parque para perros
Vecinos de Barreiro denuncian que el Concello ignora la propuesta de 100 familias para el parque para perros

Deja una respuesta

Hide picture