Miguel Cela, residente de cuarto ano, foi o gañador da primeira edición do Arthros Racing, programa de adestramento de formación artroscópica de alto rendemento
Para poder ser recoñecido como o mellor alumno, tivo que superar a outros 50 aspirantes dos diferentes centros hospitalario de España
O servizo de Traumatoloxía do Chuvi realiza preto de 400 artroscopias anuais de diferentes articulacións, a maioría de xeonllos
Miguel Cela López, médico residente de cuarto ano do servizo de Traumatoloxía do CHUVI, foi o gañador da primeira edición do Arthros Racing, un programa de adestramento na formación artroscópica de alto rendemento desenvolvido polo laboratorio Smith + Nephew e no que os especialistas van sendo introducidos nesta técnica ao longo dunha aprendizaxe en tres fases que dura máis de tres anos.
Neste adestramento, só os mellores de cada fase avanzan cara a seguinte etapa, ata que finalmente a avaliación do equipo docente selecciona ao mellor alumno, que obtén como recompensa unha estancia no hospital nacional que o gañador elixa para aprender dos mellores cirurxiáns artroscópicos nacionais.
O mellor entre 50
O Dr. Cela López concorreu na primeira edición iniciada no pasado 2020 enfrontándose a medio centenar de especialistas de toda España. A primeira fase consistiu en familiarizarse con esta técnica cirúrxica xerando novas habilidades cun simulador artroscópico.
Superada esta fase, e na que foron eliminados parte dos concorrentes, Miguel Cela participou nunha serie de obradoiros desenvolvidos en Madrid e nos que amosou as súas habilidades cirúrxicas mediante artroscopia, asistido por os mellores cirurxiáns artroscopistas De forma progresiva, íase aumentando a dificultade na formación e dos recursos para que a aprendizaxe fose gradual, chegando ao final a intervir en artroscopias de ombreiro ou menisco, por exemplo.
Técnica que precisa adestramento
Finalmente, Cela López obtivo a mellor puntuación, sendo o primeiro residente de cuarto ano de España que se fai con este recoñecemento nunha cirurxía que, como el mesmo, recoñece, “ten a súa complexidade, xa que non é unha intervención convencional na que ves directamente onde vas a operar, e tes que acostumar ao teu cerebro a ver a través dunha cámara, ademais de empregar técnicas que precisan de certas habilidades que hai que adestrar”.
A artroscopia é un procedemento minimamente invasivo para diagnosticar e tratar problemas nas articulacións
Fronte á cirurxía convencional, que require de maior incisión cirúrxica, a artroscopia realízase cunha técnica con mínima abordaxe na que a través dunha pequena incisión na pel, o cirurxián inserta unhas cánulas conectadas a unha microcámara xunto co instrumental cirúrxico necesario, de moi pequeno diámetro. Isto é, a artroscopia permite acceder, visualizar e operar a través dunha incisión de escasos milímetros na pel.
As vantaxes deste procedemento son múltiples xa que acúrtase o período de recuperación, a estancia hospitalaria e a dor postoperatoria, permitindo ao paciente recuperar axiña a súa vida habitual.
O servizo de Traumatoloxía do Chuvi realiza preto de 400 artroscopias anuais, a maioría de xeonllos, aínda que tamén de ombreiro, cadeira, pulso, nocello, ecétera.
