“O uso de programas de exercicio físico de alta intensidade aplicados en contornas virtuais totalmente inmersivas teñen unha influencia máis efectiva na mellora e na ralentización da progresión da enfermidade”, afirma o director do proxecto, José María Candela
― Seleccionado na convocatoria intramural de axudas á investigación biomédica do IISGS, o proxecto participan tamén investigadores dos grupos Neurociencia Traslacional e Gies-10, integrados, ao igual que HealtyFit, no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur
A existencia de diferentes estudos demostrando os beneficios do exercicio físico na sintomatoloxía asociada ao párkinson, a segunda enfermidade neurodexenerativa máis común, foi o punto de partida do grupo de investigación HealthyFit, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, que levou a cabo nos últimos meses un estudo dirixido a coñecer, tanto a viabilidade, como os posibles beneficios dun programa de exercicio cun cicloergómetro intelixente, no que combinan a actividade física con tarefas de estimulación cognitiva.
Ao mesmo tempo, o grupo que coordina o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, José María Cancela, avaliou tamén recentemente as posibilidades que achega a este tipo de pacientes a realización de programas de actividade física con lentes de realidade virtual.
Desta forma, a combinación destas dúas liñas de traballo é agora a base dun novo proxecto de investigación, financiado polo Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), que o grupo desenvolve ao longo deste 2023. Este estudo ten como obxectivo avaliar, tanto a viabilidade e seguridade, como as posibles melloras que podería xerar nas persoas con párkinson un programa baseado na combinación de realidade virtual inmersiva co pedaleo a alta intensidade nun cicloergómetro intelixente MotoMed.
Pedaleando polas rúas de París
A hipótese da que parte este estudo é que “o uso de programas de exercicio físico de alta intensidade desenvoltos en cicloergómetros e aplicados en contornas virtuais totalmente inmersivas teñen unha influencia máis efectiva na mellora da sintomatoloxía e na ralentización da progresión da enfermidade”, que aqueles que empregan unicamente este tipo de dispositivos para a realización de actividade física.
Por iso, o obxectivo do proxecto -segundo sinala Cancela- é “xerar unha sinerxía” entre estas dúas liñas. De aí que a investigación combine o traballo cun modelo de MotoMed “específico para Parkinson, porque permite alcanzar as 90 revolucións por minuto e nesta enfermidade está demostrado que, canto maior sexa a intensidade, maiores son os efectos tanto a nivel motor como cognitivo”; co uso de exergames (xogos baseados no movemento) nun Head-Mounted-Display (dispositivo comercial de realidade virtual inmersiva).
Asi, partindo dunha selección realizada polo grupo daqueles xogos “que mellor se adaptan á patoloxía”, o proxecto baséase nun protocolo de actividade física no que “o cicloergómetro está conectado aos lentes de realidade virtual”, que sitúan os pacientes “nunha contorna de exercicio físico”. De feito, as e os participantes realizarán un traballo de actividade física mentres pedalean polas rúas de París, por un bosque ou por unha praia, nunha actividade que, coa idea de “que sexa o máis real posible”, fará que o cicloergómetro “ofreza unha maior resistencia” cando se atopen subindo unha costa nesta contorna virtual. “Son actividades moito máis motivadoras que pedalear contra unha parede, nas que o propio sistema lles vai dando ademais un feedback constante e indicacións coas que mantelos motivados”, engade Cancela.
De xeito paralelo á realización de actividade física, este protocolo enfrontará tamén os pacientes a unha serie de “tarefas cognitivas nas que teñen que tomar decisións” e responder a unha serie de estímulos que se lle van trasladando a través dos propios lentes, “nunha contorna agradable e motivadora”.
Un estudo no que colaboran as asociacións de pacientes
Co obxectivo de constatar se a combinación do MotoMed coa realidade virtual permite acadar “un maior grao de mellora funcional e sintomatolóxica”, así como de calidade de vida con respecto aos pacientes que levan a cabo “un programa de exercicio físico nunha sala convencional”, a investigación levarase a cabo, como explica Cancela, “con dous grupos, un experimental e outro de control”. Ambos realizarán ao longo de seis meses o mesmo programa de exercicio con MotoMed; no primeiro caso, combinándoo coa realidade virtual, e no segundo sen esta. A investigación, como sinala o coordinador do grupo HealthyFit levarase a cabo “coa colaboración das asociacións de párkinson da provincia”, nas súas sedes, e consistirá en sesións de traballo de 25 minutos, nas que os pacientes manterán unha cadencia de pedaleo de entre 80 e 90 revolucións por minuto.
Está previsto que neste estudo participen 44 pacientes de párkinson, nun estadio “pouco evolucionado” da patoloxía, que se someterán ao inicio e o remate do programa a unha serie de avaliacións dirixidas a coñecer unha serie de “aspectos funcionais e de calidade de vida”. O obxectivo, explica Cancela, é coñecer tanto “a adherencia e motivación” cara a práctica de actividade física que poden xerar o uso das novas tecnoloxías para o desenvolvemento de terapias de actividade física, como os seus efectos á hora de retardar “o proceso dexenerativo, mellorar a autonomía funcional, postura corporal e calidade de vida”. Dirixidas a constatar posibles beneficios tanto nos síntomas motores asociados a esta enfermidade, como nos non motores, esta serie de medicións veranse complementada á súa vez pola análise dun biomarcador por parte dos neurólogos do IISGS.
Neste punto, a memoria do proxecto destaca que, no caso de ser positivos, os resultados deste proxecto, porían de relevo o positivo da implantación deste tipo de sistemas de realidade virtual inmersiva nos “programas de intervención a longo prazo” con este tipo de pacientes, así como con outro tipo de “poboacións con limitacións funcionais.
Seleccionado na convocatoria intramural de axudas á investigación biomédica do IISGS, o proxecto Efecto do pedaleo a alta intensidade executado nunha contorna de realidade virtual inmersiva na enfermidade do párkinson (ReViPark) participan, xunto a Cancela, os investigadores do grupo HealthyFit Iria Cabo, Pablo Campo e Helena Vila. Así mesmo, o proxecto conta tamén coa participación do investigador do grupo de Neurociencia Traslacional do IISGS Carlos Spuch e da tamén catedrática da facultade pontevedresa, Margarita Pino, do grupo Gies-10, integrado tamén, ao igual que HealtyFit, no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.
