O presidente do PPdeG encabezou este martes o acto co que o partido conmemorou o Día de Galicia na Fervenza do Toxa, en Silleda
● O líder do PPdeG contrapón este modelo de portas abertas co da Galicia do “non” sistemático, do bloqueo permanente e da crítica sen proposta
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe “a Galicia do si”, representada polo Partido Popular, como unha terra de futuro que di “si” ao talento, ás oportunidades e á calidade e que aposta pola ilusión, o crecemento, a convivencia e a liberdade.
Rueda encabezou o acto ‘A Galicia do si’, co que o partido conmemorou esta tarde o Día de Galicia na Fervenza do Toxa e no que participaron tamén a secretaria xeral, Paula Prado, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, deputados, senadores e outros representantes do partido, entre eles o portavoz do PP local, Ignacio Maril. Todos eles fixeron unha pequena andaina ata o miradoiro da fervenza, onde tivo lugar a foto de familia e soou o himno de Galicia.
A celebración tivo lugar en Silleda, un concello que precisamente leva no seu nome o “Si” como símbolo perfecto da Galicia que o PPdeG construír. De feito, dixo o presidente, a Galicia que defenden os populares galegos é a do traballo ben feito, o compromiso real co rural, o apoio aos emprendedores, a aposta decidida pola sanidade e a educación, e a da igualdade de oportunidades.
Rueda contrapuxo este modelo de portas abertas co da Galicia do “non” sistemático, do bloqueo permanente e da crítica sen proposta. E a inmensa maioría dos galegos, sinalou, cando toca escoller entre quen só sabe poñer paus nas rodas e quen traballa cada día para impulsar a nosa terra, prefire avanzar.
Deste xeito, o presidente do PPdeG subliñou que esa “Galicia do si” ten futuro porque conta cun proxecto claro, cun liderado estable, e cunha forza como o Partido Popular sempre a carón da xente, sempre escoitando e actuando con responsabilidade. É unha Galicia que se recoñece a si mesma con orgullo, que non se conforma nin se resigna, e que busca chegar o máis lonxe posible.
Por último, concluíu afirmando que o PPdeG seguirá sendo o motor deste camiño con humildade, con sentidiño e, sobre todo, con orgullo de ser galegos.
