O presidente da Xunta asistiu á inauguración da nova sede do Grupo Oesía en Nigrán
- Defende o papel da colaboración pública-privada, na que Administración “non debe estorbar”, senón crear un “clima favorable” para que empresas tecnolóxicas se instalen e medren en Galicia “e se proxecten cara ao resto do mundo”
- O Goberno galego destinará 26 M€ o vindeiro ano ao Polo Aeroespacial de Galicia para seguir desenvolvendo tecnoloxías e solucións e optimizando recursos e fortalezas
- A Xunta lanzará en 2024 o primeiro programa específico de apoio a startups, a través dun investimento de 1,5 M€, e a mesa empresa-innovación entre o sector público, empresarial e os axentes sociais
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, garantiu hoxe apoio e facilidades por parte do Goberno galego para crear un “clima favorable” ao desenvolvemento de proxectos innovadores en Galicia co obxecto de consolidala como “referente” en I+D+i.
Acompañado da conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, Rueda amosou este compromiso durante a inauguración da nova sede do Grupo Oesía, especializado en enxeñaría tecnolóxica e dixital e que agora contará cun espazo no Edificio Tecnolóxico Aeroespacial da Zona Franca de Vigo, situado en Nigrán.
Neste senso, o presidente da Xunta asegurou que o Goberno galego leva anos demostrando que se “toma moi en serio” a aposta pola innovación e por impulsar proxectos tecnolóxicos baseados no I+D+i, xa que advertiu que se trata dun campo con “moito futuro”, no que non hai que permitirse “perder ningún tren”.
Así, defendeu que desde a Administración galega se están “dando pasos importantes” para favorecer un “clima favorable” que permita que empresas tecnolóxicas “se instalen e medren” en Galicia. Para conseguilo, puxo en valor o esforzo da Xunta en promover o talento e tamén retelo, co ánimo de que na Comunidade galega se desenvolvan iniciativas neste sector que “xeren valor engadido, e desde Galicia se proxecten cara ao resto do mundo”.
