O presidente da Xunta participa na presentación desta medida na estación intermodal de Vigo
― A Xunta destinará 5 M€ a esta medida para ampliar a gratuidade da que xa se benefician os menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova
― Máis de 700.000 maiores poderán trasladarse gratis nas máis de 3.000 liñas de autobús interurbano de Galicia, no barco da ría de Vigo e no ferrocarril da comarca de Ferrol
― “Queremos devolver á xente maior todo o que aportaron durante tanto tempo”, indicou o presidente que destacou o aforro que supón para este colectivo
― A Xunta mantén a súa aposta por promover a mobilidade sostible con outras iniciativas como manter os descontos do 50% nos billetes do transporte autonómico, permitir usar as prazas baleiras do transporte escolar nas zonas do rural ou o sistema de paradas baixo demanda
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que Galicia vai ser pioneira ao facilitar que os maiores de 65 anos viaxen de balde no transporte público autonómico a partir do vindeiro 1 de xaneiro. “Queremos devolver a xente maior todo o que aportaron durante tanto tempo. É de xustiza”, indicou o titular do Goberno autonómico.
A Xunta destinará 5 M€ nos orzamentos de 2024 a aplicar esta medida coa que amplía a gratuidade no transporte autonómico da que xa se beneficiaban os menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova. Deste xeito, a partir de xaneiro, todos os maiores de 65 anos que teñan a Tarxeta de Mobilidade de Galicia poderán viaxar gratis nas máis de 3.000 liñas de autobuses interurbanos da comunidade, no barco da ría de Vigo e no Feve da comarca de Ferrol. A previsión é superar os 700.000 beneficiarios potenciais.
Tras unha pequena ruta nun autobús público da Xunta, Rueda destacou a importancia de ofrecer aos maiores un sistema de transporte accesible e económico. “O autobús axuda a que moita xente maior poida desprazarse e sirve tamén para socializar”, indicou para asegurar que “é un gasto importante” no día a día de moitas persoas que agora vaise “reducir a cero”.
Ademais, o presidente lembrou a aposta que desde hai anos fai a Xunta por promover unha mobilidade sostible entre o conxunto da cidadanía. Hai só unha semana, o Consello aprobou manter no 2024 os descontos do 50% no prezo do billetes do transporte autonómico e ademais conta con outras medidas como permitir o uso das prazas baleiras nos autobuses escolares nas zonas que non contan con liñas regulares, o servizo de transporte a demanda con máis de 22.000 paradas deste tipo ou a construción de estacións intermodais para facilitar os transbordos.
