― Con motivo do Día Mundial sen Tabaco profesionais de Atención Primaria e Hospitalaria, Asociacións de pacientes, e ex fumadores organizaron unha serie de actividades de concienciación á cidadanía
― O Álvaro Cunqueiro celebrou unha sesión informativa e formativa na que participaron profesionais de medicina e enfermería de distintas especialidades médicas
― Ademais, convocouse un concurso de debuxo entre os nenos e nenas hospitalizados
― O centro de saúde de Lavadores organizou unha sesión grupal na que os protagonistas foron exfumadores, que relataron a súa experiencia e animaron aos fumadores a deixar de fumar
Profesionais sanitarios de Cardioloxía, Pneumoloxía, Oncoloxía e Medicina Familiar e Comunitaria uníronse hoxe para expresar o seu rexeitamento fronte ao tabaco e enviar unha mensaxe para concienciar á cidadanía: o tabaco mata, pero é posible deixar de fumar.
Neste contexto, no Álvaro Cunqueiro tivo lugar unha sesión formativa e informativa na que participaron profesionais sanitarios, facultativos e enfermaría, dos servizos de Cardioloxía, Pneumoloxía, Oncoloxía e Medicina Familiar e Comunitaria para abordar o tabaquismo desde as diferentes especialidades. Nesta xuntanza tamén participaron a Asociación Española contra o Cancer (AECC) e a Asociación de Pacientes Cardiópatas da área sur de Galicia (SUR SUR COR).
Tamén instaláronse dúas mesas informativas, unha no Centro de Saúde de Pintor Colmeiro e outra no Hospital Álvaro Cunqueiro, nas que os profesionais ofreceron información e repartiron folletos explicativos sobre os efectos nocivos do tabaquismo e dos diferentes tratamentos para deixar esta adicción.
Ademais, convocouse un concurso de debuxo entre os nenos e nenas hospitalizados que expresaron a súa visión do tabaquismo baixo o lema “25 razóns para deixar de fumar”.
Ex fumadores, protagonistas no centro de saúde de Lavadores
No centro de saúde de Lavadores, a Unidade de abordade do Tabaquismo organizou un encontro cos pacientes que ao longo dos anos abandonaron o consumo de nicotina. Nesta xuntanza, que contou coa asistencia dunha trintena deles, os ex fumadores expuxeron a súa experiencia no proceso de deshabituación tabáquica e enviaron unha mensaxe pública de que é posible, e se pode deixar de fumar.
Tamén celebraron a vida sen fume, e recordaron os beneficios obtidos co abandono do tabaco, e revalidaron o seu compromiso coa abstinencia.
