Considera que a situación de Tomé ante as denuncias tan graves é insostible: “Se non dimite o PSOE ten que apartalo dos seus cargos”
Total apoio e credibilidade ás mulleres denunciantes, que deben ser escoitadas e acompañadas tras a valentía de dar o paso, xusto o contrario do que fixo o PP cando mantivo durante meses a un conselleiro presunto agresor sexual
A portavoz nacional, Ana Pontón, referiuse desde Ourense ás denuncias por acoso sexual coñecidas na noite de onte contra o presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte, José Tomé, e afirmou que todo o que se vai coñecendo “produce un tremendo noxo, indignación e repulsión” ao ver como, de novo, “hai mulleres que sofren violencia machista”.
“Creo que as primeiras palabras teñen que ser precisamente para as mulleres valentes que se atreven a denunciar este tipo de situacións que sabemos que afectan de maneira estrutural na sociedade”, subliñou, para indicar a continuación que o máis importante é ter “tolerancia cero” ante este tipo de situacións e que as vítimas saiban que van ser escoitadas, acompañadas e, sobre todo, “que se chegue até o final”.
En declaracións aos medios logo dunha reunión co vicerreitor e decanas e decanos do campus de Ourense, Pontón considerou que as denuncias realizadas “son de moita gravidade” e producen indignación. “A min como muller, me producen unha indignación tremenda que a estas alturas da nosa vida vexamos como hai quen cre que por estar nun cargo que lle dá poder, pode abusar das mulleres”, condenou.
“A impunidade ten que acabarse neste ámbito e pensamos que a situación é insostible e que o presidente da Deputación de Lugo, ou dimite, ou ten que ser apartado dos seus cargos, porque é evidente que despois de acusacións tan graves non pode seguir aí ni un minuto máis”, reclamou.
Exactamente igual, recordou, que o BNG pediu no seu momento ao PP, ao que o Bloque criticou “por manter durante meses a un conselleiro que sabían que tiña unha denuncia por agresión sexual, e o Partido Popular mirou para outro lado”.
“Sería incomprensible que o Partido Socialista fixera algo parecido, polo que reclamamos contundencia, e se o presidente da Deputación de Lugo non quere dimitir, a súa responsabilidade é tamén apartalo dos seu cargo, é o mínimo que podemos esperar neste momento e o mínimo que se debe de facer ante acusacións tan graves, que nos causan noxo e indignación”, afirmou para incidir a continuación en que “ningunha muller ten que verse sometida a isto”. “Unha vez que denuncian o que temos que facer é acompañalas e camiñar con elas da man”, sintetizou.
Logo de subliñar que o que debe preocupar agora “son as mulleres que fan esta denuncia, estar ao seu carón”, considerou “tremendo” que “isto siga pasando en pleno ano 2025” e que “haxa persoas que poidan ter este tipo de actitudes e este tipo de abuso de poder, exercendo un cargo público”. “Desde logo a mi non me representan e as mulleres sempre me van a ter o seu carón ante unha situación destas características”, subliñou.
“A verdade é que, esta noite, desde que me enterei, nin durmín demasiado ben, porque me parece gravísimo que algo así poida estar acontecendo e creo que hai que actuar de inmediato e contundencia clara para protexer ás mulleres”, afirmou Pontón, quen insistiu en que en Galiza xa se produciu este mesmo ano un exemplo que “é xusto o contrario do que se debe facer”, cun Goberno do PP “amparando durante meses a un conselleiro que tiña unha denuncia por agresión sexual” e ao que despediu “entre abrazos e aplausos”. Unha imaxe que cualificou de “bochornosa” e da que dixo esperar “que o Partido Socialista non repita no caso da Deputación”.
A preguntas dos medios sobre o coñecemento previo sobre as denuncias contra Tomé, a líder nacionalista aseguro descoñecer se este caso “xa se coñecía de antes e miraron para outro lado ou non”. “Evidentemente tapar un caso destas características é gravísimo e creo que todas as persoas que puideron estar implicadas nese proceso deberían de asumir as súas responsabilidades se miraron para outro lado”, concluíu.
