Vigo, Galicia
Política

Pontón pedirá la dimisión de Rueda por su negligente gestión de los fuegos: «No se puede confiar en él para proteger Galicia»  

  • Quen é responsable do problema non pode ser parte da solución”, afirma para denunciar que “Galiza arde pola política forestal fracasada do PP”
  • Defenderá mañá no Parlamento o plan integral ‘Da Cinza á Vida’ como base dun gran acordo de país a favor dun novo modelo forestal e dun rural vivo

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG pedirá mañá a dimisión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa comparecencia no Parlamento pola vaga de incendios do pasado mes de agosto dada a súa “neglixente xestión” e defenderá o plan integral ‘Da Cinza á Vida’ deseñado polo goberno alternativo do BNG como base para un acordo de país a favor dun novo modelo forestal e dun rural vivo.

Pontón anunciou en rolda de prensa que o Bloque denunciará na Cámara “as responsabilidades políticas” que hai detrás dos maiores incendios da historia de Galiza e que provocaron “unha catástrofe ambiental, social e económica”.

“Galiza arde por unha política forestal fracasada do Partido Popular; arde polo fomento do abandono do noso medio rural; arde pola incompetencia e neglixencia dun goberno que non actuou a tempo, aínda sabendo que isto podía pasar e non fixo nada para evitalo, e tamén arde pola neglixencia dun presidente que, mentres Galiza xa sufría grandes incendios, estaba sentado na praza de touros de Pontevedra con Feijóo e Rajoy”, enumerou para afondar nas responsabilidades políticas de Rueda nos lumes.

A líder nacionalista acusou ao titular do Executivo de tentar agora “esconder a súa neglixencia con propaganda, manipulación e botando balóns fóra”, pero advertiu que “cando se produce unha neglixencia con consecuencias tan graves, alguén debe de asumir responsabilidades”.

“Cremos que o máximo responsable desta neglixencia é o presidente, o señor Rueda, e por iso reiteraremos mañá que debe dimitir”, indicou, para engadir a continuación que non se pode confiar nel para protexer o territorio e o rural e porque, recalcou, “é evidente que se non aprenderon en 16 anos, non va aprender agora a ser capaces de dar un novo rumbo”. “Quen é responsable do problema non pode ser parte da solución”, sintetizou.

Pontón incidiu na necesidade de que esta última vaga de incendios supoña “un punto de inflexión” para abordar cambios profundos co obxectivo de que esta catástrofe non volva repetirse. “Non pode ser que ardan 100.000 hectáreas, que arda unha parte tan importante do noso País e que o Goberno galego siga coa rutina da propaganda e da mentira; hai que cambiar o rumbo”, engadiu.

Neste sentido, tamén avanzou que o BNG porá sobre a mesa as medidas incluídas no seu plan integral ‘Da Cinza á Vida’ co obxectivo de que sirva de base para un gran acordo de País a favor dun novo modelo forestal e dun rural vivo e dinámico. Unha proposta “ambiciosa, transformadora, realista e comprometida” co futuro de Galiza que

ten a vocación de marcar “un antes e despois na política forestal, ambiental e de apoio ao medio rural”.

Entre as medidas recollidas no plan, destacou a aposta por un modelo forestal sustentado nas madeiras de calidade autóctonas e por plantacións en mosaico, onde haxa a obriga de contar con zonas libres de árbores que permitan protexer mellor o territorio fronte aos incendios, en contraposición ao “modelo fracasado” do PP do monocultivo e da plantación en superficies continuas de especies pirófitas como o eucalipto ou o piñeiro.

En segundo lugar, defendeu a urxencia dun “cambio radical” nas medidas de prevención, duplicando os fondos destinados a esta fin en dous anos e garantindo a súa execución, algo que, denunciou, non fai o Goberno de Rueda, que só neste ano deixou 11 millóns de euros sen executar en medidas preventivas, incluídas “as actuacións da Xunta nas franxas de seguridade, nas parroquias de máximo risco”. “Nunca máis pode volver pasar unha irresponsabilidade e unha temeridade destas características”, reclamou.

De entre as máis de 50 propostas contempladas no plan, tamén destacou por último a de crear un plan de emprego verde dotado con 50 millóns para a contratación de traballadores e empresas locais, tanto para labores de xestión e prevención como para o desenvolvemento de proxectos de ordenación do territorio, ou a de ampliar a 100 metros as franxas de protección a casas e núcleos de poboación a través dun fondo extraordinario da Xunta.

“Mañá direilles aos galegos e ás galegas que un monte ordenado e vivo é posible, que só precisan ideas e vontade, e que nesa liña imos traballar desde o BNG, coa vocación de que este plan sexa a base para que realmente haxa un acordo de país a favor para que nunca máis vexamos o desastre que nos deixaron os lumes, un desastre que ten responsables políticos, o Partido Popular”, concluíu.

Ruptura total de relacións con Israel e apoio ás mobilizacións

Por outra banda, Pontón tamén se referiu á cuestión de Palestina, ás manifestacións sociais en contra do xenocidio de Israel e ás últimas medidas anunciadas neste sentido polo Goberno central, que cualificou de “insuficientes”.

“Quero expresar todo o apoio do BNG ás mobilizacións que estamos vendo estes días con motivo da Volta Ciclista, todo o apoio a un pobo que está expresando a súa indignación ante a pasividade coa que a comunidade internacional actúa ante o xenocidio de Gaza”, manifestou sobre o que considerou “un exterminio planificado” que só ten “a indiferenza da Unión Europea e dos países que se consideran a si mesmos democráticos”, pero que “miran para outro lado mentres miles de palestinos son asasinados polo Estado terrorista de Israel”.

Por iso, tamén criticou e condenou a represión que se veu onte na Volta, onde se “está intentando silenciar estas protestas que eran manifestacións pacíficas e democráticas” e unha “mostra clara de apoio ao pobo palestino”, o que considerou “unha mostra de dignidade ante a inhumanidade do crime que se está producindo en Palestina”.

“Creo que esa dureza, o Goberno do Estado debería deixala para romper dunha vez con todas as relacións, diplomáticas e económicas con Israel”, reclamou, logo de advertir, primeiro, que as medidas anunciadas hoxe polo Executivo central “teñen detrás toda esa presión social e esa dignidade que está demostrando” e, segundo, que son “claramente insuficientes” ante “o xenocidio que está cometendo o Estado de Israel e ante un Netanyahu que ten as mans manchadas de sangue do pobo palestino”.

“Polo tanto, toda a solidariedade con quen defende os dereitos humanos e reclamar que dunha vez por todas os gobernos actúen na mesma medida da gravidade dos feitos que estamos vendo porque, insisto, é unha auténtica inhumanidade e unha cuestión ante a

que non se pode mirar para outro lado dada a situación tan grave que se está vivindo en Palestina”, resumiu.

Inicio de curso marcado polos recortes o control ideolóxico do PP

Sobre o inicio do curso escolar, a portavoz nacional lamentou que o Goberno do PP leve 16 anos “pechando aulas na pública mentres incrementa a privada”, o que provoca que haxa aulas masificadas nas zonas urbanas e periurbanas e un déficit alarmante na atención aos nenos e nenas que teñen necesidades educativas especiais.

Neste sentido, denunciou como o PP “racanea na pública mentres rega a privada”, concretamente con 349 millóns, o que representa un incremento dun 23% dos recursos destinados ao ensino privado só entre 2019 e 2023.

A todos os recortes e privatizacións, sumou o intento de aplicar a censura coa que o PP “busca incrementar o seu control ideolóxico non só na escola, senón tamén na sociedade” e co pretende “aplacar unha das funcións fundamentais do sistema educativo que é precisamente fomentar o espírito crítico e a liberdade entre os nenos e as nenas e os mozos e as mozas”.

Neste contexto, avanzou que o BNG vai seguir defendendo unha escola pública “forte e libre de censuras”, para o que vai presentar unha batería de iniciativas nas que proporá, entre outras medidas, o incremento dos recursos para a educación pública, a recuperación da gratuidade dos libros de texto, a redución dos rateos en todas as etapas educativas, que se garante a atención aos nenos e nenas con necesidades educativas especiais e a retirada da censura que o Executivo de Rueda quere impoñer no sistema educativo.

Deja una respuesta

Hide picture