Vigo, Galicia
Galicia Política

Pontón despide 2025, ano Castelao, apelando á dignidade e á esperanza para construír unha Galiza e un mundo mellor

“Somos un gran País de xente honesta, traballadora e con talento” 

video
play-sharp-fill

Felicita o 2026 desde o Café Moderno de Pontevedra como tributo a quen foi primeiro presidente no exilio e sempre soñou unha Galiza en grande

2025 foi tamén o ano de conmemoración de Castelao, por iso a portavoz nacional, Ana Pontón, optou polo centenario Café Moderno de Pontevedra para a súa mensaxe de fin de ano, a modo de simbólico tributo “a quen foi o primeiro presidente de Galiza no exilio e a quen sempre viu en Galiza o gran País que somos”.

Con Castelao como referente, a líder do BNG imaxina como sería hoxe a Galiza soñada polo ilustre rianxeiro, repasando algunhas das cuestións que máis preocupan á cidadanía: emprego de calidade que permita chegar a fin de mes, o difícil acceso á vivenda convertida nun ben de especulación, o deterioro dos servizos públicos tras dezaseis anos de recortes e privatización do goberno do PP.

“Sei, é confésovos que unha das cuestións que máis me preocupan, que moitos de vós non podedes acceder a unha vivenda. Comparto o voso cabreo vendo como se especula cun dereito básico e vendo como moitos e moitas non podedes pagar un aluguer, pero hai quen vive en áticos de luxo pagados con diñeiro negro. Como non indignarse!”, destaca na súa mensaxe.

Pontón defende, igual que faría Castelao, blindar os servizos públicos, “porque non imos resignarnos a ter listas de espera até para ver á médico de cabeceira; nin que a túa saúde mental dependa da tarxeta de crédito”. E defende unha Galiza “inclusiva” na que os nenos e as nenas con necesidades educativas especiais reciban a formación que precisan.

No ámbito social, tamén pon o foco na sucesión de escándalos nas residencias, cando o que precisan as persoas maiores son coidados que garantan a súa integridade e seguridade, nun modelo de coidados no que as traballadoras teñan condicións laborais “decentes”.

“Sei que hoxe Castelao estaría na rúa en contra da bomba ambiental de ALTRI, porque, igual ca ti, amaba esta terra. Merecemos unha industria sostible, merecemos que a riqueza natural de Galiza sexa para este País e para a súa xente”, subliña na súa felicitación de fin de ano.

A importancia do feminismo para avanzar en igualdade e liberdade das mulleres foi outro asunto destacado pola líder do BNG, que apela a combater “as violencias machistas que nos acosan en todos os ámbitos sen permitir que ningunha denuncia quede impune”. E anima ás galegas a seguir pelexando contra os teitos de cristal e contra os chans pegañentos: “Nin un paso atrás, compañeiras!”.

O xenocidio en Gaza e a complicidade de Europa, que persiste, tivo lugar destacado na mensaxe de fin de ano da portavoz nacional: “Os pobos, todos os pobos, teñen dereito a vivir en paz e decidir o seu destino e non podemos permitir, nunca, que a barbarie pase por riba da humanidade”.

Un pobo que non se rende

Pese a todo, destacou, hai razóns para a esperanza, porque o 2025 tamén nos deixa o exemplo da dignidade dun pobo galego que sae ás rúas a defender todas as causas que considera xustas: sanidade pública, o dereito a unha vellez digna, a favor do pobo palestino, da nosa lingua ou do territorio tras a vaga de lumes.

“Hai moitas razóns para a esperanza porque somos un gran País, de xente traballadora, honesta e con talento; porque hai unha mocidade orgullosa de ser galega, que quere mil primaveras máis para a nosa lingua e hai moitas razóns para a esperanza porque hai unha cidadanía viva e un pobo que non se rende”, proclama. 

“A todos e a todas vós quero dicirvos que tendes a man tendida do BNG para poñer en marcha a mellor Galiza, na que soñar e facer realidade os nosos soños. Porque, como dicía Castelao: “O verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideas en feitos”, conclúe Pontón, desexando feliz 2026 a todos os galegos e a todas as galegas.

Deja una respuesta

Hide picture