A coalición considera “un magnífico traballo” o manual para a xestión do arboredo urbano que
Ecoloxistas en Acción ven de remitir aos partidos que concorren a este proceso electoral e pide
implantalo así como un Plan Director do Arboredo Urbano ante os picos de temperatura que se
esperan para os veráns ligados ao cambio climático.
“Os incrementos de temperatura que van vivir as cidades no conxunto do planeta están a configurar novas políticas de
aumentar as masas forestais urbanas e buscar espazos de sombra e amortiguación climática. París ou Barcelona xa
traballan contra reloxo para evitar as prazas sen masas forestais ou as rúas sen sombra despois de realizar medicións e
estudos que non deixan outra alternativa, tanto pola saúde dos veciños e veciñas, como pola captación de
contaminación e fomento da biodiversidade urbana” sinala Meli Vázquez, candidata nº 2 de Podemos-Marea de Vigo.
“Vigo non pode permanecer allea a esta realidade creando espazos sen sombra nin superficie vexetal como o realizado
na actual Porta do Sol”.
Ademais de a súa plantación é necesario mantela para evitar pragas e morte de especies como ten acontecido nestes
anos. O grupo municipal da Marea de Vigo xa levara esta cuestión ao pleno nesta lexislatura mediante unha moción
instando ao Concello de Vigo á creación dun Plan Director do Arboredo. Na moción pedíase que se garanta a
preservación do patrimonio arbóreo e a biodiversidade, así como a saúde integral das árbores tendo en conta as
especificidades e necesidades de cada especie en canto a calidade e espazo do solo, tallas, e demais coidados para o
seu óptimo ciclo de desenvolvemento.
Entre as propostas de Podemos e Marea de Vigo, ademais de apoiar a proposta de manual remitido por Ecoloxistas en
Acción Vigo, está a de velar periodicamente polo estado de saúde das árbores. “Aplicar as tallas porque as árbores están
doentes non é unha política de protección do patrimonio arbóreo. Cómpre aplicar un control integrado de pragas e de
enfermidades, así como potenciar e difundir o valor das plantas beneficiosas, favorecendo o desenvolvemento da
vexetación espontánea”. “É preciso planificar o arboredo coma unha infraestrutura verde que se estende en forma de
rede por toda a cidade, de maneira semellante a como o fan o resto de infraestruturas e servizos urbanos”.
Dende Podemos e Marea de Vigo, deféndese conservar a biodiversidade e desterrar a consideración do arboredo coma
unha peza máis do mobiliario urbano, incluso unha peza de pouco valor, daquelas pezas decorativas que, carecendo de
historia e de vencello coa cidade, poden substituírse en calquera momento.
Podemos e Marea de Vigo consideran urxente tamén dar cumprimento ao establecido na Ordenanza Municipal de
Medio Ambiente, referida a Zonas naturais e espazos verdes, vixente dende 1994 e que xa actualmente establece o
compromiso de contar cun catálogo municipal actualizado de “formacións e especies vexetais singulares e prohibe
pendurar elementos como as luces de nadal na superficie arborada.
