Vigo, Galicia
General Portada

PATRIMONIO CULTURAL AUTORIZA A LA REGENERACIÓN DEL PASEO DE LA FRENTE MARÍTIMA DE LA VILLA DE BOUZAS

  • A Dirección Xeral informa favorablemente á reconstrución do paseo, cuxa intervención comprende o tramo entre a praia do Adro e a estrada VG-20
  •  O departamento autonómico autoriza así a actuación proposta polo Concello dous meses despois de recibila, aínda que establece algunhas condicións a ter en conta

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural vén de informar favorablemente á rexeneración do Paseo da fronte marítima da vila de Bouzas, dous meses despois de recibir a documentación e solicitude por parte do Concello de Vigo.

Deste modo, entende que a proposta de rexeneración e reforma do paseo, entre a praia do Adro e a estrada VG-20, son compatibles coa protección do patrimonio.

En todo caso, atendendo ao expediente os técnicos de Patrimonio Cultural da Xunta establecen unha serie de condicionantes a ter en conta. Así, e posto que as actuacións recollidas no proxecto de rexeneración levan aparellados movementos de terra, considera necesario realizar un control arqueolóxico, cuxo proxecto deberá remitirse para a súa autorización por parte deste departamento.

Tamén apunta a que deberá procurarse un tratamento homoxéneo en toda a intervención. Apunta así a un mobiliario de deseño discreto, con materiais e cores que se integren co resto da contorna, dispoñendo preferentemente de elementos de granito e madeira. No caso dos elementos metálicos especifica que se eviten os cores rechamantes ou brillantes.

Xa por último, recolle que se deberá coidar o acabado e cor das novas instalacións, así como a renovación das existentes. Deste modo, apunta a tampas de fundición dúctil no caso das arquetas ou revestidas co mesmo pavimento da área. En ningún suposto poderán utilizarse materiais plásticos ou con acabados brillantes ou metalizados.

Deja una respuesta