Vigo, Galicia
General Política

O BNG demanda unha solución que permita o acceso bonificado da poboación dos concellos limítrofes a Vigo ao transporte urbano da cidade

Os portavoces municipais do Bloque Nacionalista Galego nos concellos de Vigo, Redondela e Mos, diante da problemática creada en relación ao acceso bonificado ao transporte urbano da cidade de Vigo queremos trasladar publicamente o seguinte:


1. É evidente que o desenvolvemento da cidade de Vigo ten unha estreita relación coas sinerxías que se tecen cos seus municipios limítrofes, e coa articulación integrada da súa realidade metropolitana. As relacións sociais, económicas, empresariais e comerciais, da cidade con concellos como Redondela e Mos son de grande intensidade e con arraigo histórico.

2. O desenvolvemento das potencialidades metropolitanas da área de Vigo esixen apostar na cooperación construtiva, sumando esforzos en común en favor da mellor atención das necesidades e aspiracións da veciñanza que habita e traballa neste amplo ámbito urbano.

3. A decisión unilateral do Goberno municipal de Vigo de impedir no seu momento o acceso á tarxeta Pass, que é o medio de pago estabelecido para o acceso bonificado ao servizo de autobús urbano, a persoas non empadroadas, marcou un negativo punto de inflexión. Esta decisión alterou, sobre un discurso hiperlocalista que é incompatíbel coa vocación metropolitana, o funcionamento histórico do servizo, dado que a anterior Tarxeta Verde non contaba con esa condicionalidade, que non existe tampouco noutras urbes de Galiza.

4. A mobilidade é un factor central e estratéxico da articulación metropolitana. Promover a utilización do transporte colectivo, tanto interurbano como urbano, supón importantes beneficios tanto para a veciñanza como para os concellos e singularmente para a propia cidade. Un maior uso do autobús urbano de Vigo por parte da poboación que reside nos concellos limítrofes pero que acude, en moitos casos diariamente, á cidade para traballar, realizar xestións ou compras, tradúcese nunha redución no número de vehículos privados que circula pola cidade, co que iso ten de positivo en termos de desconxestión viaria e de redución de emisións contaminantes.

5. O bloqueo político que ten impedido até o momento a posta en funcionamento efectiva da Área Metropolitana de Vigo, así como a non incorporación do Concello de Vigo ao convenio de Transporte Metropolitano, supón un impedimento que cómpre superar.

6. No entanto, co obxectivo de resolver esta negativa situación, reiteramos a necesidade de que, a través do diálogo entre os diferentes concellos, se procure unha solución acordada que permita o acceso bonificado ao servizo de autobús urbano, sen ningún tipo de discriminación contra as veciñas e veciños dos municipios limítrofes con Vigo. Para o que emprazamos expresamente ao alcalde de Vigo e ás alcaldesas de Redondela e Mos a abrir unha interlocución insititucional.

Asinado:

Xabier P. Igrexas

Portavoz municipal do BNG de Vigo

Xoán Carlos González

Portavoz municipal do BNG de Redondela

Gustavo Barcia

Portavoz municipal do BNG de Mos

Deja una respuesta

Hide picture