- A fronte nacionalista denuncia a “ridícula” actuación municipal nun contexto de emerxencia lingüística provocada polas políticas galegófobas da Xunta do PP
- Afea que o Goberno de Abel Caballero destine 5 veces máis recursos a promover o inglés que a normalizar o uso da lingua propia
Xabier P. Igrexas: “O Concello ten que converterse nun axente activo en prol do galego”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo denunciou hoxe a “desprezo” do Goberno municipal de Abel Caballero pola lingua galega, evidenciado na “programación minúscula” de apenas cinco actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, criticou que esta oferta é “infinitamente inferior” á que desenvolven as asociacións nos barrios e parroquias da cidade, e queda moi por debaixo doutras cidades galegas como Pontevedra, con 25 actividades no seu “Maio das Letras”, ou A Coruña, coa súa “Festa das Letras”.
Igrexas alerta da gravidade deste “desleixo” precisamente na cidade na que máis se fai notar a “a emerxencia lingüística provocada polas políticas galegófobas aplicadas pola Xunta do Partido Popular”.
Nese sentido, destacou que os últimos datos oficiais sinalan só o 13,5% da poboación viguesa utiliza o galego de forma predominante, a cifra máis baixa das cidades galegas, e moi lonxe media galega do 45,5%. Nos menores de 14 anos, a situación é aínda máis preocupante, cun 3% de uso diario. “Unha realidade que non responde á liberdade nin á vontade social, como demostra que preto da metade das viguesas e vigueses desexe que haxa máis actividades e contidos en galego”, acrecentou.
Maior compromiso municipal
A fronte nacionalista reclama unha rectificación urxente e un maior compromiso municipal coa normalización lingüística, en liña co acordo plenario de decembro que instaba a garantir o dereito a coñecer e usar o galego sen discriminación. Entre as medidas propostas, esixe a convocatoria antes de fin de maio do Consello Social da Lingua, inactivo desde 2019, para deseñar unha Estratexia Local de Normalización con participación cidadá, con medidas concretas e recursos suficientes. “O Concello ten que converterse nun axente activo en prol do galego na nosa cidade”, afirmou Igrexas.
O portavoz municipal do BNG tamén criticou falla de recursos municipais, cualificando de mostra de “autoodio” que o Concello invista “cinco veces máis” en becas de inglés que en promover o uso da nosa lingua propia. Ademais, acusou ao Goberno local de incumprir a ordenanza de normalización lingüística, aprobada por unanimidade, que establece o galego como lingua oficial do Concello.
“Temos que galeguizar Vigo, como maior cidade de Galiza, facendo que a nosa lingua deixe de ser unha anécdota para usos rituais, xa que como dixo Castelao, se somos galegos é por obra e graza do idioma”, remarcou.
