Rubén Pérez, voceiro do Grupo, sinala que unha vez consultada a Conta Xeral do ano 2021, os datos de subvencións e indemnizacións que percibiu Vitrasa, nun ano no que ademais aumentou o número de pasaxeiros con respecto ao 2020, “é a todas luces un exemplo de que o Grupo Avanza minte nos datos económicos cos que pretende xustificar o descolgue salarial e o aumento do cómputo de horas do cadro de persoal”.
Marea de Vigo considera que o “chorro” de recursos públicos que no ano 2021 cobrou VITRASA por diversos conceptos e que figura na Conta Xeral do Concello que se leva a Pleno este mes de maio, “é a todas luces un argumento para que as pretensións económicas e laborais do Grupo Avanza para a concesión do transporte público en Vigo queden desactivadas”. “Un negocio redondo” á vista da Conta Xeral do exercicio do pasado ano, “que deixa claro que a concesión do trasporte recibiu máis de 21 millóns de euros de aportacións públicas fronte os 27 millóns de euros que a empresa declarou como custo de explotación do servizo” explica o voceiro municipal.
Á subvención anual do Ministerio de Industria, que no ano 2021 foi de 1.679.739,30 euros, súmanse os 5.697.084,20 que recibiu Vigo en aplicación do RD 407/2021 que arbitrou subvencións directas para compensar a baixada de viaxeiros pola COVID. “Pero é que ademais se se suman as subvencións do Goberno local de parte do billete para determinados colectivos sociais (pensionistas, estudantes, bono social, así como unha parte do billete ordinario a través da PASVIGO) a estes importes hai que sumar 8.851.743,49 euros” detalla o edil.
Mais, a maiores destes importes, a Xunta de Goberno Local en sesión extraordinaria do 30 de xuño de 2021, en aplicación do Real Decreto 407/2021 e da Resolución da Secretaria Xeral de Financiación Autonómica e Local pola que se aproba a concesión directa de subvencións a favor das entidades locais polos efectos da COVID, cuxa aplicación é a de equilibrar as contas da concesionaria, aprobou unha proposta de requilibrio por unha contía de 3.502.120,64 euros, que xuntamente co pagamento feito o 18 de decembro de 2020 por unha contía de 2.194.963,56 euros, conforma os 5.697.084,20 euros correspondentes á Resolución da Secretaria General de Financiación Autonómica y Local. “Máis de 21 millóns de euros no ano 2021 que Vitrasa ten que reflectir nas súas contas e aclarar como é que no ano 2021 a maior parte dos seus ingresos viñeron de subvencións públicas e mesmo contando cun contrato que garantiza sempre os 20 millóns de pasaxeiros ou compensación económica por parte da administración local, cláusula que por certo, ao desaparecer da ampliación de 5 anos da concesión, parece ser a orixe do conflicto entre empresa e Concello no tocante a compensacións económicas” matiza Rubén Pérez.
Ante os datos, Marea de Vigo considera máis que evidente que “con estes números, a opción da remunicipalización do servizo do transporte en Vigo é absolutamente viable e necesaria” e pedirá informes e estudos que vaian orientados a erradicar a xestión indirecta do transporte público en Vigo, na liña do sistema de funcionamento público que opera na maior parte das grandes cidades do estado e de Europa.
