Vigo, Galicia
Vigo

Los pacientes del Área Sanitaria de Vigo protagonizaron el foro sanitario

A xerencia mantivo unha xuntanza co Consello Asesor de Pacientes para informarlle das principais liñas de actuación, fundamentalmente no eido da humanización

― A xefa do servizo de Farmacia Hospitalaria presentou o Plan de Humanización “Aproxima Farma-Vigo” que xa estase a desenvolver neste servizo

A xerencia da Área Sanitaria de Vigo mantivo unha xuntanza co Consello Asesor de Pacientes para informarlle das últimas actuacións sanitarias e as principais liñas de acción no ámbito da humanización.

Neste encontro, presidido polo xerente da Área, Javier Puente, tamén participaron a subdirectora de Humanización e Atención á Cidadanía, Mar de la Peña; a xefa do servizo de Farmacia Hospitalaria, Noemí Martínez López de Castro; e o coordinador da Unidade de Enfermidades Raras, Alberto Rivera.

O Consello Asesor de Pacientes, constituído por medio centenar de Asociacións de pacientes da área, é unha estrutura de participación e asesoramento da Comisión da Dirección. Foi creada no ano 2016 -sendo a primeira de Galicia e unha das poucas de España- co obxectivo de establecer as canles de comunicación necesarias para que a opinión dos pacientes sexa escoitada, así como os mecanismos de cooperación para mellorar a saúde e benestar da poboación.

Plan de Humanización Farmacia

Nesta xuntanza, a xefa do servizo de Farmacia Hospitalaria do Chuvi, Noemí Martínez López de Castro, presentou o Plan de Humanización “Aproxima Farma-Vigo” que xa estase desenvolvendo e que constitúe unha das principais liñas estratéxicas do seu servizo.

“Trátase de establecer unha cultura de humanización, poñendo marcha actuacións nas que o cidadán, xa sexa paciente ou familiar, colabora nun marco de confianza e transparencia cos profesionais, para integrar a súa visión e a súa experiencia, e mellorar así a percepción dos coidados que recibe do noso servizo”, explica a Dra. Martínez.

Neste contexto, realizarán enquisas anuais para coñecer o grao de satisfacción dos pacientes, a súa percepción e as súas suxestións en relación cos puntos de Recollida da Medicación e coas consultas externas dos Hospital Meixoeiro e o Álvaro Cunqueiro. Estas enquisas xa se iniciaron o pasado ano e os resultados amosaron unha satisfacción global de case 9 sobre 10 “pero seguimos implantando medidas de mellora naqueles aspectos nos que os pacientes perciben unha peor atención. As enquisas resultaron unha ferramenta de gran utilidade, que permitiunos coñecer os nosos punto fortes e aqueles a mellorar, como por exemplo a sinalización no Álvaro Cunqueiro, que xa cambiamos e melloramos”.

Elevado volume de actividade

O servizo de Farmacia da Área Sanitaria de Vigo conta cun total de 92 profesionais, que traballan con 1.324 principios activos e con 4.548 medicamentos diferentes.

É un servizo central que representa un potente eixo loxístico de distribución de medicación a centros de atención primaria, camas de hospitalización, consultas externas, Hospital de Día, urxencias, quirófanos, radiodiagnóstico e centros sociosanitarios.

Por iso, rexistra un elevado volume de actividade. Como exemplo, pódese subliñar que o pasado ano atenderon a 54.200 pacientes nas súas consultas externas. Ademais, elaboraron a medicación personalizada de 2.800 pacientes oncolóxicos no Hospital de Día; e realizaron preto e 70.000 fórmulas maxistrais.

Cabe destacar tamén a atención ofertada, xunto cos farmacéuticos de atención primaria, a 13 centros sociosanitarios da Área de Vigo, nos que os farmacéuticos controlan a medicación de 1.700 usuarios. O pasado ano rexistráronse 800.000 dispensacións de medicamentos a estes residentes.

Deja una respuesta

Hide picture