– A obra gañadora é a súa segunda novela, escrita en lingua galega e descrita como “unha historia de historias”
-O xurado do Premio destacou a boa narración da historia e a axilidade da lectura, nunha novela clásica na forma e estrutura pero moi actual á hora de abordar o relato
Unha celadora da Área Sanitaria de Vigo, Loli Rodriguez Rodriguez, que traballa no servizo de Mantemento do Hospital do Meixoeiro, vén de publicar “Nailía”, gañadora do premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega 2024.
Trátase da segunda novela desta lucense afincada en Vigo, que estudou Maxisterio e durante vinte anos estivo ao fronte duna librería- papelería.
“Nailía”, obra en galego publicada pola editorial Galaxia, é unha “historia de historias”, na que se fala de amor, desamor, rancor, superación, esperanza e perdón.
Loli expresou a súa satisfacción pola recepción deste premio e dixo que “síntome moi agradecida e abraiada pola súa repercusión, pero sobre todo polo cariño e recoñecemento dos meus compañeiros e compañeiras do hospital”.
O xurado do Premio destacou a boa narración da historia e a axilidade da lectura, nunha novela clásica na forma e estrutura pero moi actual á hora de abordar o relato. Tamén salientou a representación de mulleres diversas, as imaxes poéticas que crea, e o bo manexo dos diálogos.
A presentación oficial da novela terá lugar no “Culturgal” de Pontevedra o vindeiro 28 de novembro. En Vigo, a presentación e sinatura de exemplares será o 12 de decembro.

