- O proxecto da obra está xa supervisado, licitarase e realizarase coa maior premura posible
- O Goberno galego está a investir case 30M€ en obras nos centros de Vigo, con actuacións como os cambios de cuberta dos CIFP Paz Andrade e Manuel Antonio
O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, explicou hoxe no Parlamento que a Xunta vai asumir o cambio de cuberta do Colexio CEIP de Chans-Bembrive e recordou ao Concello de Vigo a súa obriga de realizar un axeitado mantemento das instalacións dos centros de Educación Infantil e Primaria.
Neste sentido, explicou que a deixación de funcións nesta competencia municipal está a derivar no mal estado dalgúns centros, como é o caso, por exemplo, do CEP Celso Emilio Ferreiro, con problemas na cuberta por falta de mantemento por parte do Concello de Vigo.
As tarefas básicas de mantemento das cubertas, que debe realizar o Goberno municipal, inclúen a limpeza anual de vexetación e materiais acumulados. Non facelo provoca que as raíces medren e as tellas se despeguen e acelera o deterioro prematuro. “Polo tanto, celebramos que, finalmente, o Concello de Vigo asuma, por fin, o mantemento das instalacións deste centro, despois de moito tempo evadindo a súa responsabilidade ao respecto”, afirmou o secretario xeral.
No caso do CEIP Chans-Bembrive en Vigo a Xunta asume esta obra e, de feito, o proxecto de cambio de cuberta do ximnasio e anexos está xa supervisado e licitarase o antes posible, tal e como destacou o representante da Consellería de Educación. O importe da actuación superará os 250.000€ e o prazo de execución da obra é de 4 meses unha vez que comecen os traballos. “Haberá que analizar se as obras se poden compatibilizar coas clases”, sinalou, comprometendo que se realizarán “coa maior premura posible”.
Os traballos abranguerán a retirada de case 980m² de cubertas rematadas en placa de fibrocemento tanto no edificio do ximnasio como no patio cuberto e local da anpa, con descontaminación dos residuos derivados das mesmas, así como da cubrición do panel sándwich da cuberta do taller.
As novas cubertas será de panel sándwich de dobre chapa de aceiro galvanizado prelacado con recheo intermedio de escuma de poliuretano e contará con novos canos de chapa de aceiro e baixantes. Tamén se habilitará unha saída á cuberta mediante escaleira de gato para o mantemento da cuberta do ximnasio e construcións anexas.
36M€ de investimento
A Xunta está a investir 36M€ na mellora das instalacións dos colexios e institutos de Vigo nos últimos anos, o que a converte na cidade cun maior esforzo inversor, segundo destacou o secretario xeral.
A este respecto destacou que se van iniciar os cambios de cuberta e rehabilitación dos centros integrados de FP Valentín Paz Andrade (case 2M€) e Manuel Antonio (máis de 1,6M€) e que está a piques de adxudicarse a reforma de cubertas do IES Politécnico de Vigo, por máis de 250.000€. Así mesmo recordou a inminente licitación por 19M€ da obra de construción do instituto Domingo Villar de Navia, que comezará a funcionar no curso 2027/28.
O secretario xeral lembrou, ademais, que a Xunta leva anos demandando ao Goberno central un Plan de infraestruturas, dado que actualmente non achega recursos para este fin. A maioría das comunidades uníronse onte na conferencia sectorial a esta reclamación.
