Vigo, Galicia
General Vigo

La Xunta pone en marcha el comedor terapéutico del hospital de día psiquiátrico infanto-juvenil

Conta cun máximo de 10 prazas para pacientes que estean incluídos nos programas terapéuticos do Hospital de Día, emprazado no Nicolás Peña

Este hospital de día, que comezou a funcionar hai pouco máis dun ano, é un dispositivo asistencial intermedio que proporciona tratamento aos trastornos mentais graves que aparecen na infancia e adolescencia

Un equipo multidisciplinar de profesionais atende preto dun cento de doentes anuais, entre 8 e 16 anos, desenvolvendo programas dirixidos a pacientes con trastorno mental grave, da conduta alimentaria ou que presenten risco autolesivo

No marco da estratexia de Saúde Mental 2020-2024, a Área de Vigo experimentou un importante incremento dos recursos da saúde mental, creando novas Unidades con dotacións de persoal e ofertando novas prestacións asistenciais

A Área Sanitaria de Vigo ven de por en funcionamento o ComedorTerapéutico do Hospital de Día Infanto-Xuvenil do servizo de Psiquiatría, emprazado no Nicolás Peña.

O novo comedor enmárcase no desenvolvemento das actividades terapéuticas que forman parte do tratamento integral de diferentes patoloxías graves de saúde mental de nenos e adolescentes, e que son atendidas neste hospital de día. Conta cun máximo de 10 prazas para estes pacientes.

Segundo explica o xefe de servizo de Saúde Mental da Área de Vigo, Jose M. Olivares “o comedor vai dirixido aos pacientes con Trastorno de Conduta Alimentaria, pero non é unha actividade exclusiva para ese grupo, dado que este dispositivo da cobertura a máis patoloxías. Pretende, para un perfil diverso de pacientes, unha abordaxe más ampla, non unicamente nutricional, que inclúa outros obxectivos como a reestruturación de rutinas ou o traballo en habilidades sociais”.

A posta en marcha deste comedor terapéutico “supón un avance nas fases do Plan Funcional do Hospital de Día, operativo desde setembro do 2021 grazas ao Plan de Saúde post Covid 19 do SERGAS, que potenciou á creación deste tipo de dispositivos para complementar a intervención na preocupante escalada de demanda de atención en saúde mental da poboación infanto-xuvenil”, asegura o doutor Olivares.

Un cento de pacientes anuais

O Hospital de Día Infanto-Xuvenil do Nicolas Peña está emprazado na planta 1 do Pavillón 3, e conta cunhas instalacións que foron reformadas e acondicionadas para ofertar esta actividade, sobre todo para acoller as actividades grupais. Dispón de 5 consultas, sala de espera, sala de grupos, sala ocupacional e unha sala comedor/estudo, para os pacientes que realicen estancia en réxime de día.

Trátase dun dispositivo asistencial intermedio cuxa finalidade é proporcionar un tratamento para os trastornos mentais graves que aparecen na infancia e na adolescencia. Isto é, e un novo recurso sanitario a medio camiño entre a hospitalización e as consultas externas, que ofrece unha abordaxe dos problemas desde unha perspectiva biopsicosocial e familiar.

Para ofertar esta atención conta cun equipo multidisciplinar de profesionais composto por 1 psiquiatra, 1 psicóloga Clínica, 1 enfermeiro especialista en Saúde Mental, 1 Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermería (TCAE), 1 Terapeuta Ocupacional e 1 traballador Social. Este equipo atende preto dun cento de pacientes anuais, entre 8 e 16, a través do desenvolvemento de varios programas terapéuticos intensivos dirixidos a pacientes con Trastorno Mental Grave, con Trastorno da Conduta alimentaria e aqueles que presenten risco autolesivo e inestabilidade emocional grave.

Vantaxes desta intervención

Os problemas de Saúde mental teñen un peso significativo na morbilidade e mortalidade dos nenos e mozos de todo o mundo: así, por exemplo, o suicidio é a terceira causa de morte nos menores de idade, sendo a adolescencia un grupo de especial risco. Aproximadamente un 10-20% dos nenos e adolescentes padecen algún trastorno psíquico, sendo os máis frecuentes os trastornos de conduta, seguidos dos trastornos de ansiedade e o TDAH (déficit de atención e hiperactividade).

As intervencións terapéuticas en réxime de hospitalización psiquiátrica a tempo parcial teñen demostrado a sua eficacia no tratamento de múltiples trastornos en poboación infanto-xuvenil, evitando ingresos posteriores noutros dispositivos. Unha das principais vantaxes dos hospitais de Día é que permite manter o contacto do menor co seu entorno familiar e social, o que favorece a súa reintegración e recuperación funcional.

Novas unidades e prestacións de sáude mental

No marco da estratexia de Saúde Mental 2020-2024 do Sergas, a Área Sanitaria de Vigo ven experimentando nos últimos meses un incremento moi significativo de recursos neste eido, creando novas Unidades con dotacións de persoal e ofertando novas prestacións asistencias na carteira de servizos da saúde mental.

Entre esas novas Unidades cabe subliñar a de Prevención do Suicidio no centro de saúde de Taboada Leal; as ambulatorias de Saúde Mental de Tui e Ponteareas; e a ambulatoria Infanto-Xuvenil no Álvaro Cunqueiro. Ademais, proximamente tamén vaise abrir a nova Unidade de Hospitalización de menores no hospital Álvaro Cunqueiro, xa en fase de contratación das obras.

Deja una respuesta

Hide picture