Os equipos de profesionais de enfermaría achegaranse a 70 centros da área para vacinar a 4.246 residentes de gripe e covid-19
Hoxe desprazáronse ao Complexo residencial de Atención a Maiores Dependentes de Vigo para inmunizar a 391 residentes
Tamén iniciouse hoxe a campaña de inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial, causante da bronquiolite
A Xunta de Galicia arrancou hoxe a campaña de vacinación conxunta de gripe e covid-19 da Dirección Xeral de Saúde Pública, iniciando a inmunización dos usuarios de residencias da terceira idade e centros de discapacidade.
Na Área Sanitaria de Vigo 4 equipos específicos de enfermaría (8 profesionais) vanse desprazar diariamente para vacinar a 4.246 persoas institucionalizadas nos 70 centros da área.
Hoxe xa achegáronse aos centros do Complexo residencial de Atención a Maiores Dependentes de Vigo para inmunizar a 391 residentes.
Campaña secuencial priorizando os colectivos de maior risco
O Goberno galego conta con dous tipos de vacinas fronte á gripe. Unha tetravalente para toda a poboación menor de 80 anos, e outra de alta carga para as persoas de 80 e máis anos e para os usuarios das residencias de maiores con 60 ou máis anos. Tamén conta cunha nova vacina fronte á covid-19 adaptada ás cepas circulantes.
A campaña de vacinación, que se prolongará ata o 31 de decembro, levarase a cabo en diferentes puntos de vacinación e, ao igual que en campañas anteriores, o inicio será secuencial para favorecer a priorización dos colectivos con maior risco. Así, a maiores da vacinación in situ nas residencias, os servizos de atención primaria (centros cabeceira) administrarán a vacina fronte a gripe e a covid-19 ás persoas de 80 e máis anos, que serán citadas proactivamente mediante unha mensaxe de texto. Así mesmo, vacinaranse a domicilio ás persoas inmobilizadas que pertenzan aos grupos diana.
Os hospitais públicos disporán de doses da covid-19 e gripe para a vacinación dos grupos de alto risco.
Ademais, habilitaranse grandes recintos, ao longo do mes de outubro, nas áreas sanitarias e distritos para a vacinación conxunta fronte á gripe e a covid-19 dos menores de 80 anos. Estas persoas tamén serán citadas de forma proactiva mediante unha mensaxe de texto.
Campaña inmunización virus respiratorio sincitial
Tamén hoxe iniciouse a campaña de inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial, causante da bronquiolite. Esta inmunización é unha das novidades principais do novo “Calendario de inmunización ao longo de toda a vida”, do Programa Galego de Vacinación. Cómpre remarcar que Galicia foi a primeira rexión do mundo en anunciar a inmunización fronte ao VRS como parte do Programa Galego de Vacinación de 2023, decisión que despois foi seguida por outras comunidades autónomas.
A inmunización fronte ao VRS, iniciase hoxe cos neonatos, vacinándoos no hospital nas primeiras 24-48 horas de vida. Tamén a partir de hoxe serán citados os nenos/as prematuros/as nados dende o 1 de outubro de 2022; así como os bebés con condicións de alto risco (cardiopatías conxénitas, displasia broncopulmonar, etc).
Ademais, farase unha recaptación dos lactantes nados dende o 1 de abril de 2023, que serán inmunizados nas dúas primeiras semanas do mes de outubro. Citaranse vía SMS no hospital público de referencia.
