― Máis de 70 residentes das especialidades de psiquiatría, psicoloxía e enfermería especializada en Saúde Mental, recibiron hoxe formación específica para colaborar no Proxecto YAM (Youth Aware of Mental Health)
― Prestarán apoio ao persoal contratado e aos 20 instrutores cos que xa conta Galicia, na implantación dun programa que se desenvolverá en 40 institutos de Educación Secundaria durante o curso 2023-24
A Xunta de Galicia desenvolveu durante a xornada de hoxe a primeira xornada formativa destinada aos denominados ‘YAM Helpers”, os axudantes que colaborarán cos instrutores do Proxecto YAM (Youth Aware of Mental Health), nas sesións de prevención das condutas suicidas que se levarán a cabo nos centros educativos galegos.
Impartido polo coordinador de Programas de Prevención e Promoción da Saúde Mental do Sergas, Alexandre García Caballero, máis de 70 residentes, pertencentes ás especialidades de psiquiatría, psicoloxía e enfermería especializada en Saúde Mental, participaron nun curso formativo que os habilita para colaborar no programa europeo de prevención do suicidio entre a poboación moza, e que a Xunta desenvolverá durante o curso 2023-24 en 40 institutos da nosa comunidade.
Segundo explicou García Caballero, nas vindeiras datas, e en colaboración cos directores dos centros educativos e da Consellería de Educación, vanse solicitar os consentimentos informados ás familias nunha serie de charlas formativas que membros do equipo investigador YAM darán nos centros.
Galicia será pioneira na implementación deste programa a nivel nacional. Así, o pasado mes de xuño un total de 20 profesionais dos ámbitos da Educación e da Saúde Mental recibiron formación por parte do equipo do Instituto Karolinska de Suecia, que patentou este proxecto.
O número de instrutores incrementarase no vindeiro curso escolar -e sucesivos-, coa contratación progresiva de psicólogos clínicos no Sergas para levar a cabo o devandito programa, e así poder chegar á totalidade dos centros educativos de xeito progresivo.
