- Os técnicos do Plan de Control de Vertidos localizaron o foco tras recibir a notificación desde o Servizo de Emerxencias do 112
- O vertido procedía da rede municipal de saneamento e dirixíase cara a un regato que discorre baixo o camiño Sorrego, no lugar de Goleta
- Os técnicos notificaron ao Concello a existencia do vertido para que adoptase as medidas necesarias para a súa emenda
- Os inspectores constataron recentemente o cese do vertido, ao resolverse o atranco na rede que motivaba a sobrecarga hidráulica
A Xunta eliminou un punto de vertido de augas residuais na parroquia de Candeán, no concello de Vigo.
As actuacións iniciáronse no transcurso da inspección levada a cabo por parte dos técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, tras a notificación desde o Servizo de Emerxencias do 112 dun vertido que afectaba ao dominio público.
Na visita localizouse un foco de auga residual procedente da rede municipal de saneamento cara a un regato que discorre baixo o camiño Sorrego, no lugar de Goleta.
Os técnicos notificaron ao Concello a existencia do vertido para que se adoptasen as medidas necesarias para a súa emenda, efectuando mostraxe do caudal de augas residuais para avaliar a carga contaminante.
Os inspectores, nunha recente visita á zona, constataron o cese do vertido, ao resolverse o atranco na rede que motivaba a sobrecarga hidráulica.
