Vigo, Galicia
Vigo

Jornada de puertas abiertas en el IIS Galicia Sur a las hijas y hijos del personal de la institución

― As pequenas e os pequenos foron os protagonistas por un día no IISGS, a través de charlas explicativas, experimentos adaptados e visitas aos laboratorios

― A acción enmárcase dentro do obxectivo de abrir a ciencia á sociedade, ademais de explicarlles as nenas e os nenos onde e en qué traballan a diario as súas nais e pais

Unha vintena de nenos e nenas de entre 3 e 14 anos de idade participaron nunha Xornada de Portas Abertas a fillas e fillos do persoal investigador e de xestión do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), co obxecto de que puideran comprobaran en primeira persoa cal é o lugar e como é o traballo cotiá das súas nais e pais neste centro. A través de diferentes obradoiros prácticos e experimentos variados e adaptados a súa idade, as nenas e nenos foron protagonistas desta xornada no Instituto, logrando fixar unha idea aproximada do labor diario dos seus proxenitores.

Nesta xornada, que tivo lugar o pasado 29 de xuño, participaron amais das nenas e nenos preto de vinte investigadores e persoal técnico de laboratorio que foron explicándolles a estes pequenos e pequenas convidadas como é o traballo que desenvolven os seus pais e nais a diario, tendo a oportunidade tamén de empregar material de laboratorio ou mirar a través de microscopios, espertando a curiosidade das e dos cativos.

Programación estable de actividades

Esta acción enmárcase dentro dunha programación anual de actividades de divulgación científica, facendo patente o compromiso do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur coa súa contorna, a cultura científica, a transferencia e transmisión de coñecemento, a ciencia aberta e a participación cidadá.

Neste sentido, compre indicar que o IIS Galicia Sur conta con novas iniciativas de comunicación social, presencia nas redes e unha programación anual estable na que protagoniza eventos desta índole, como a celebración no 11 de febreiro do Día da Muller e a Nena na Ciencia, xornadas de portas abertas, titorización de programas STEMBach ou obradoiros e actividades con asociacións de pacientes, engadíndose para este ano de 2023 novos proxectos de cultura científica financiados pola Fundación Ciencia y Tecnología (FECYT), do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Proxectos financiados pola FECYT

Dentro destes novos proxectos previstos para o período 2023-2024, o IIS Galicia Sur executará dúas iniciativas financiadas pola antedita FECYT. Un deles, corresponde a un plan anual de

actividades da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) do IISGS na que se desenvolverán distintos proxectos con participación cidadá, dos que se dará información proximamente.

Por outra banda, a segunda destas iniciativas leva por título VIH Ciencia Aberta, e ten como obxectivo principal sensibilizar á sociedade e promover cambios en actitudes e comportamentos perante o VIH, ofrecendo diferentes actividades formativas e informativas sobre os avances científicos neste ámbito e contribuír na eliminación do estigma asociado.

Deja una respuesta