Vigo, Galicia
Galicia General Vigo

Galicia duplicará su capacidad de atención con ingreso a pacientes infantiles y juveniles de salud mental con la construcción de una nueva unidad en el Álvaro Cunqueiro

O Goberno galego vén de adxudicar, por 1,3 millóns de euros, o contrato dunha obra que estará rematada á volta do verán

Contará cunha dotación inicial de 12 profesionais, parte dos que se incorporarán a través do concurso de méritos anunciado pola Xunta para prazas prioritarias

“A Xunta vai duplicar a capacidade da sanidade pública galega para dar resposta aos casos que necesiten hospitalización con ingreso para patoloxía psiquiátrica aguda grave na nosa infancia e na nosa mocidade, coa construción dunha nova unidade no Hospital Álvaro Cunqueiro”. Así o destacou hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa visita ao hospital vigués para detallar as características da nova unidade de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil de referencia para o sur de Galicia, acto no que estivo acompañado pola delegada territorial, Marta Fernández-Tapias, e polo xerente da área, Javier Puente.

Segundo remarcou Comesaña, esta nova obra, que se instalará nunha superficie de 740 m2, ten un prazo de execución de catro meses e iniciarase en canto se formalice o contrato que a Xunta vén de adxudicar por 1,3 millóns de euros, “co que á volta do verán estará duplicada a capacidade do Sergas para atender ingresos de saúde mental de mozos e mozas”.

A nova unidade contará cunha dotación inicial de 12 profesionais, dos que un efectivo será de psiquiatría, un de psicoloxía, tres de enfermería, un de traballo social e seis técnicos de coidados auxiliares de enfermeria. Tal e como sinalou o conselleiro, parte deste conxunto de profesionais incorporaranse a través do concurso de méritos anunciado pola Xunta para prazas prioritarias.A estes 12 profesionais ao abeiro do Plan de Saúde Mental, haberá que engadir outros 8 da área, co que a unidade terá un total de 20 profesionais, desglosados en 2 psiquiatras, 1 psicólogo, 1 traballador social, 1 terapeuta ocupacional, 7 enfermeiras e 8 técnicos en coidados auxiliares de enfermería.

Máxima prioridade

Na súa intervención, Comesaña subliñou que a saúde mental dos nenos, nenas e adolescentes é hoxe un tema de máxima prioridade clínica, mediática e social, e así queda reflectido pola Xunta a través do Plan de Saúde Mental aprobado no 2020, no que se comprometía á creación de hospitais de día infanto xuvenís en todas as áreas sanitarias. “Un reto que estamos a cumprir poñendo en marcha, no último ano e medio, os de Vigo, Santiago, Ourense e Lugo e, neste ano, comezarán a funcionar os de Ferrol e Coruña, e no 2024 pecharemos o compromiso co inicio do de Pontevedra”.

O de Vigo, que foi o primeiro en poñerse en marcha en setembro de 2021, atendeu xa máis de 1.500 consultas. En cada unha destas unidades, o conselleiro sinalou que contratouse un novo profesional de psiquiatría, un de psicoloxía clínica, un de traballo social e outro de enfermería especializada. Estas unidades, “son recursos fundamentais para evitar os ingresos dos rapaces e rapazas a través de terapias intensivas”.

Para aqueles rapaces cuxos ingresos non se poden evitar, o responsable do Sergas dixo que o Plan de Saúde Mental preveu reforzar a capacidade da sanidade pública para atendelos, por iso este plan comprometeu a creación dunha segunda unidade que complementase á existente en Santiago e que funcionase como referencia para todo o Sur de Galicia. A tal efecto, o conselleiro agradeceu a presenza no acto de hoxe de profesionais doutras áreas sanitarias.

Un total de 241 novos profesionais para programas de saúde mental

Segundo sinalou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, “o fundamental é o persoal que hai detrás destas novas unidades”. Así, o obxectivo do Plan de Saúde Mental é completar, a finais do vindeiro ano, un total de 241 novas contratacións de profesionais, “e imos polo bo camiño, xa que os orzamentos da Xunta para este ano son superiores en dez millóns de euros aos anteriores ao Plan, e o Goberno galego xa contratou a máis de 130 profesionais”.

Así mesmo, o obxectivo da Xunta é que esas novas prazas se cubran de xeito estable, por iso impulsou unha Lei de medidas extraordinarias para prazas de difícil cobertura, na que incluiu as de primaria, as dos hospitais comarcais e as dos servizos de saúde mental, e, neste mesmo ano, “vai poder cubrir por concurso de méritos máis de 170 prazas de psiquiatría, psicoloxía clínica e enfermería especialista, das que 39 serán na área sanitaria de Vigo”.

Tamén destacou o conselleiro o novo protocolo de prevención e actuación nos ámbitos sanitario e educativo ante o risco suicida infanto-xuvenil, “grazas ao que se crearon as vías rápidas de derivación en saúde mental”. Así mesmo, a Xunta creou unidades de prevención do suicidio en todas as áreas sanitarias.

Con todas estas actuacións, “o Goberno galego demostra que leva tempo traballando no campo da saúde mental e que ten o compromiso de continuar avanzando nesta materia”, -concluiu o conselleiro-.

Deja una respuesta

Hide picture