― Con motivo do Día Mundial da Asma, o próximo venres os especialistas atenderán sen cita a calquera persoa que se achegue ás consultas do hospital Meixoeiro de 12.30 h. a 14.30 h.
― Ademais haberá dúas charlas-obradoiros, unha sobre diagnóstico e tratamento da asma e outra sobre o manexo de inhaladores
― Se calcula que a asma afecta en torno ao 5% da poboación adulta e o 10% dos nenos e adolescentes nos países de noso entorno
Con motivo do Día mundial da Asma que se celebra hoxe, o servizo de Alergoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) organiza o próximo venres día 5 unha Xornada de Portas abertas para toda a cidadanía.
Así, calquera persoa que o desexe pode achegarse ás consultas do Meixoeiro, sen necesidade de cita previa, na planta 1ª porta 132, onde será atendido por un especialista en horario de 12.30 h. ás 14.30 horas.
Ademais, no servizo vanse realizar dúas charlas-obradoiros, unha sobre diagnóstico e tratamento da asma e outra sobre o manexo de inhaladores. Nesta xornada, os interesados poderán coñecer máis detalles desta patoloxía e resolver as dúbidas que tanto pacientes como cidadáns en xeral expoñan aos propios facultativos ou ao persoal de enfermaría.
O CHUVI súmase así un ano máis á celebración auspiciada pola Global Initiative for Asthma (GINA) baixo o lema “Coidado da asma para Todos”.
“Trátase dunha iniciativa para concienciar á poboación das cargas que supón esta enfermidade para aqueles que a padecen, así como da posibilidade de tela baixo control levando unha vida saudable sen limitacións”, explica a alergóloga do CHUVI, Mónica Fernández.
Gran incidencia da enfermidade na Área de Vigo
A asma é unha enfermidade crónica que foi incrementando a súa incidencia nas últimas décadas. Se calcula que a padece o 5% da poboación adulta e o 10% dos nenos e adolescentes nos países de noso entorno.
A doutora Fernández afirma que “a área sanitaria de Vigo é a que presenta unha maior incidencia de pacientes con asma, sobre todo en idade pediátrica, por encima da media española e galega. A franxa de idade con maior prevaleza está entre 13 e 14 anos, na que o 18,5% dos mozos e mozas desa idade teñen asma, mentres que a media galega é 12,1% e a estatal do 9,9%”
Os especialistas consideran que ata 8 de cada 10 casos de asma son de orixe alérxica. Supón o segundo motivo de consulta entre os pacientes que acoden por primeira vez ao alergólogo, ao redor dun 23% dos pacientes vistos por estes especialistas.
Trátase dunha patoloxía que non se cura, pero xeralmente se pode controlar adecuadamente. Na maioría dos pacientes ten unha presentación de clínica leve ou moderada, pero nunha minoría presentan unha evolución máis complexa con afectación grave de control difícil. Do total de asmáticos, entre o 5-8% padece asma grave. Desde o ano 2020 , o servizo de Alergoloxía conta cunha Unidade de Asma Grave acreditada pola Sociedad Española de Alergologia (SEAIC).
