Vigo, Galicia
Galicia General Política

El Sergas pide a la nueva alcaldesa de Cangas que agilice la cesión de los terrenos para poder construir el nuevo centro integral de salud

O xerente da Área Sanitaria de Vigo formulou esta petición á alcaldesa de Cangas nunha reunión mantida esta mañá

Javier Puente agarda que o novo goberno local mude a postura do anterior e colabore na posta en marcha dun centro que engadiría novas prestacións á poboación do Morrazo, como unha unidade de hemodiálise

― A nova infraestrutura, planificada dende 2018, segue pendente da cesión dos terreos por parte do Concello

O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Francisco Javier Puente Prieto, e a nova alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, mantiveron unha reunión esta mañá no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo na que o responsable da sanidade viguesa solicitou á mandataria municipal a cesión pendente dos terreos que permitan a construción no municipio dun novo Centro Integral de Saúde (CIS).

Esta iniciativa, formulada pola Xunta hai xa cinco anos, aínda non puido ser materializada debido á falta de colaboración dos sucesivos gobernos locais na cesión á administración autonómica dos 4.900 m2 de terreo precisos para a súa edificación.

Con tal motivo, o xerente da Área Sanitaria de Vigo reiterou esta demanda ao novo goberno municipal para poder dar unha resposta definitiva á cidadanía de Cangas ao respecto desta nova infraestrutura sanitaria que precisa. Ao finalizar o encontro, Puente Prieto mostrouse confiado en que a alcaldesa de Cangas poda mudar a postura mantida polo anterior goberno local e opte colaborar neste proxecto.

Acumulación de atrasos

O proxecto da construción deste novo CIS en Cangas parte do Estudo de Necesidades Sanitarias para Cangas e Moaña, un documento elaborado en 2018 e que contou coa participación de todos os profesionais das estruturas sanitarias implicadas, así como coas administracións locais, asociacións de pacientes e de usuarios.

Neste plan, contemplábase a creación dun Centro Integral de Saúde, emprazado na zona canguesa da Rúa, con urxencias de atención primaria con consultas, salas de observación, radioloxía dixital, laboratorio, telemedicina e unha base do 061.

O seu plan funcional contemplaba tamén, unha área integral de rehabilitación con consultas de fisioterapia, cabinas de tratamento, ximnasio e unha sala para rehabilitación cardíaca. Así mesmo incluíanse áreas de odontoloxía e saúde bucodental, de saúde mental, de atención á muller ou de farmacia e espazos para o servizo de Hospitalización a Domicilio ou para a prestación doutras especialidades médicas.

Este proxecto non puido ser levado adiante pola falta de resposta do Concello de Cangas á cesión dos pertinentes terreos, aínda que se seguiron producindo encontros e contactos co fin de chegar a unha solución; un dos máis recentes, a remisión ao concello o 8 de febreiro pasado dun novo Plan Funcional, no que se detallaban aínda máis melloras, como a posibilidade de integrar no CIS unha unidade de hemodiálise con capacidade para 32 pacientes, que evitaría moitos desprazamentos á poboación do Morrazo.

Esforzo na atención

Dada esta situación, e consciente de continuar ofrecendo a pertinente atención sanitaria á veciñanza de Cangas, a Consellería de Sanidade ven de incrementar nos últimos meses a dotación de persoal no Concello, coa dotación dun equipo de enfermaría de atención a domicilio, a incorporación de nutricionista, o incremento dun novo psiquiatra na Unidade de Saúde Mental, así como o aumento da actividade de Radioloxía en horario de tarde, ademais de organizar actividades extras de Fisioterapia cando as circunstancias o requiren, evitando o desprazamento de veciñas e veciños de Cangas a outros centros asistenciais da área sanitaria.

Por outra banda, o xerente da área lembrou a decisión do goberno galego de promover unha lei para poder cubrir sen oposición, por concurso de méritos, as prazas de atención primaria de difícil cobertura. Este mecanismo conseguiu captar o ano pasado unha facultativa para a quenda de tarde do centro de saúde e, neste ano, permitiu convocar outras dúas prazas, unha de medicina de familia e outra de pediatría de atención primaria.

Deja una respuesta