A secretaria xeral Paula Prado en declaracións aos medios en Oroso, acompañada polo alcalde Álex Doval
- Paula Prado recorda que as peaxes das autoestradas de titularidade estatal en Galicia xa son as máis caras de toda España e denuncia que a partir do 1 de xaneiro van encarecerse “como nunca” cunha suba de case un 7% no caso da AP-9 e de máis dun 5% na AP-53
- Contrapón esta decisión do Executivo central fronte ás medidas adoptadas pola Xunta para axudar ás familias, como a conxelación das peaxes das autoestradas autonómicas e a bonificación do 50% no transporte público
- “Fronte ao caos e o barullo constantes do multipartito da oposición, Alfonso Rueda é a garantía para seguir ofrecendo estabilidade, tranquilidade e certezas aos galegos e para que se fale dos servizos que precisan e non de confrontacións ideolóxicas”, asegura
O PPdeG considera que a suba das peaxes da AP-9 e da AP-53 anunciada onte polo ministro de Transportes supón “unha tomadura de pelo” e unha “burla” aos galegos e galegas, así como unha mostra máis do “desprezo” e o “maltrato” cos que o Goberno de España leva tratando a Galicia nos últimos cinco anos.
En declaracións aos medios esta mañá na ponte que transcorre sobre a AP-9 ao seu paso por Sigüeiro (Oroso), Paula Prado recordou que as peaxes das autoestradas de titularidade estatal en Galicia xa son as máis caras de toda España e denunciou que agora vaian encarecerse “como nunca” cunha suba de case un 7% no caso da AP-9 e de máis dun 5% na AP-53.
A secretaria xeral do PPdeG afeou a PSOE, Sumar e BNG que esta medida sexa o “único que ofrezan aos galegos e galegas nun momento de suba de prezos e de
dificultades económicas para as familias”. Ao tempo que a contrapoñía coa decisión do Goberno de Alfonso Rueda de conxelar –por segundo ano consecutivo– as peaxes das autoestradas de titularidade autonómica e de manter a bonificación do 50% no transporte público da Xunta.
FRONTE AO SAINETE DO MULTIPARTITO, A ESTABILIDADE DE RUEDA
Paula Prado tamén se referiu ao “sainete” que protagoniza diariamente o multipartito conformado polos partidos da oposición en Galicia e ás noticias máis recentes: “Xa sabíamos que o PSOE quere ir con Sumar porque non lle dan as contas pero Sumar non quere ir co PSOE. Sumar quere ir con Podemos pero por unha banda Pablo Iglesias di que non e por outra Monedero di que si. Ao final, consultan ás súas bases e máis do 60% di que non queren que vaian xuntos Podemos e Sumar”.
E mentres todo isto ocorre, o BNG, segundo a número dous dos populares galegos, “está como gran espectador, pendente de que non siga fuxindo xente das súas filas e, ao mesmo tempo, intentando rescatar a algúns que xa se lle foran anteriormente”.
“Este caos da oposición é o que ofrecen aos galegos e galegas: barullo dentro do barullo”, resume Prado explicando que ao final todos estes partidos “son o mesmo” porque todos eles apoiaron a investidura de Pedro Sánchez aínda conscientes do “perigo” que este supón para Galicia.
A secretaria xeral do PPdeG quixo recordar ademais que a suba das peaxes das autoestradas estatais é o “segundo anuncio convertido en mentira” no que vai de semana, referíndose así á negativa do Goberno socialista a poñer en marcha en Galicia cinco novos xulgados de violencia de xénero a pesar de que supostamente se comprometera a elo co BNG no seu pacto de invstidura.
“O Goberno de España rise do BNG, rise dos galegos e rise de Galicia. Así que, por moitos agasallos que nos faga o candidato socialista ata o 18 de febreiro, nada nin ninguén vai compensar todo o carbón que levan dando a Galicia nestes anos”, engade.
Por todo isto, Paula Prado afirma que a única alternativa é a que representan o presidente Alfonso Rueda e o PPdeG: “Fronte ao caos e o barullo do multipartito da oposición, Alfonso Rueda é a garantía para seguir ofrecendo estabilidade, tranquilidade e certezas aos galegos e para que se fale dos servizos que precisan e non de confrontacións ideolóxicas”.
