O festival, cuxo cartel é secreto ata que o público desembarca na illa, apostará neste 2023 por unha programación aberta a todos os estilos e experiencias con artistas procedentes de África, Asia, América e Europa
O evento contará con tres escenarios, nos que actuarán máis de vinte bandas e solistas: moitas delas presentarán por vez primeira en Galicia ou España os seus proxectos musicais
Sinsal SON Estrella Galicia foi recoñecido esta fin de semana nos Iberian Festival Awards, celebrados en Maia (Portugal), como o festival de música de España máis relevante pola súa contribución á igualdade
— Auga, unha illa e, coma sempre, un cartel secreto. Sinsal
SON Estrella Galicia celebrará unha nova edición do festival na illa de San Simón os días 21, 22 e
23 de xullo de 2023. Serán tres xornadas de directos con propostas musicais contemporáneas e
diversas en canto o estilo e a orixe das máis de vinte bandas e artistas que participarán na súa
programación secreta: o público só descobre quen actúa cada día unha vez desembarca esa
mesma xornada na Illa.
Sinsal SON Estrella Galicia é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama
musical estatal, que ofrece cada ano, a un público reducido -800 persoas por día- a posibilidade de
gozar dunha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento.
Desde os seus inicios, a promotora Sinsalaudio impulsou un evento cultural para visualizar as
artistas próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén con
espazo para creadoras e creadores do ámbito internacional. Todas elas, chegadas desde os cinco
continentes, presentaron en San Simón as súas propostas musicais para, anos despois, ser parte
de carteis de grandes festivais e de salas de concertos de todo o mundo. Este ano, Sinsal SON
Estrella Galicia volverá acoller a estrea estatal de numerosas agrupacións e solistas
chegadas doutros países. Artistas que, tamén como é habitual no festival, convivirán co público
asistente durante a súa estancia no corazón da Rías Baixas.
A edición 2023 do festival desenvolverase en horario diurno. O público chegará en barco ata a illa
para gozar das actuacións, que este ano terán lugar en tres escenarios diferentes nos que se
poderá gozar dunha programación aberta a todos os estilos e experiencias, desde os sons populares
até a música experimental, pasando por outras iniciativas sonoras; ademais de coñecer o patrimonio
oculto da illa a través de diferentes actividades divulgativas que se desenvolverán en diferentes
horarios ao longo o día. Asi, durante toda xornada, e ata coller o barco de volta co solpor, as e os
asistentes poderán experimentar unha proposta singular única no panorama musical estatal, na que
música, cultura, diversidade, igualdade e sostibilidade conviven co patrimonio natural dun
espazo declarado Ben de Interese Cultural.
Premiado pola súa contribución á igualdade
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia vén de gañar esta mesma fin de semana nos Iberian Festival
Awards (os premios da industria de festivais en España e Portugal) o galardón estatal ‘Best
Contribution to Equality’, que o sitúa como o evento máis relevante en canto á Contribución á
igualdade. Este premio qpon en valor a aposta de Sinsalaudio por favorecer o achegamento a
todos os sons, ideas e instrumentos do mundo; ademais de nunca repertir no seu cartel
creadoras e creadoras, ou o coñecemento de novos artistas -o 90% das bandas e solistas
actuaron en 2022 por vez primeira en Galicia ou España en San Simón-. Alén disto, o
compromiso de Sinsal coa igualdade vén referendado polo equilibrio da súa programación: un
mínimo do 50% das artistas e do staff son mulleres, a presenza queer é relevante en cada edición e
habitualmente teñen espazo todas as linguas da Península Ibérica, desde o galego até o catalán,
portugués, euskera ou castelán.
Recentemente o festival foi sinalado pola Fundación Contemporánea, no seu informe anual ‘Lo mejor
de la cultura 2022’ como proxecto cultural exemplar polo seu compromiso e contribución cos
ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible), sendo a única iniciativa galega que forma parte
desta clasificación estatal.
