― Múdase o concerto vixente por un contrato de servizos, polo que a Administración pagará só polos procesos realmente realizados e reforzará o control sobre a actividade da adxudicataria
― O obxectivo é prestar asistencia sanitaria especializada a unha poboación estimada de preto de 116.000 persoas que así o elixa, asignada aos centros de saúde dos concellos de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e os que se determinen de Vigo
― A atención inclúe asistencia especializada en consultas, en hospital de día e cirurxía maior ambulatoria, hospitalización en réxime de internamento, hospitalización domiciliaria, procedementos diagnósticos e terapéuticos e urxencias hospitalarias
― Exclúese a hemodinámica, a electrofisioloxía, a neurocirurxía ou a cirurxía torácica e inclúense prestacións como a radioterapia de intensidade modulada (IMRT) na oncoloxía radioterápica para mellorar a accesibilidade dos recursos de radioterapia na área de Vigo
― Coa carteira de servizos establecida, a Consellería de Sanidade optimiza todos os recursos asistenciais da área sanitaria de Vigo xa que aqueles procesos máis complexos se centralizan e teñen como referencia o Hospital Álvaro Cunqueiro, á vangarda diagnóstica e tecnolóxica
― Por equidade, calidade e eficiencia, o adxudicatario deberá implantar a historia clínica electrónica Ianus, cumprir os protocolos específicos, garantir a continuidade asistencial e investir polo menos o 3 % anual do contrato en melloras e equipamento
― Créase unha unidade de supervisión e control para o seguimento do contrato e da calidade do servizo
― O Goberno galego tamén autoriza hoxe a prórroga do actual concerto co Hospital Povisa ata a entrada en vigor do novo contrato, prevista para o 1 de abril de 2025
O Executivo galego autorizou hoxe o contrato para a asistencia sanitaria especializada na área sanitaria de Vigo por un importe de 194.732.064 de euros e un período de vixencia inicial de dous anos.
O obxectivo é prestar asistencia sanitaria especializada a unha poboación estimada de arredor de 116.000 persoas que libremente así o elixa, asignada aos centros de saúde dos municipios de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e aqueloutros que se determinen do municipio de Vigo.
O contrato autorizado hoxe polo Consello da Xunta terá unha vixencia inicial de dous anos, desde o 1 de abril de 2025 ata o 31 de marzo de 2027. Poderá ser prorrogado por tres anos máis, podendo acadar neste caso un valor estimado de 525,7 millóns de euros.
O Consello da Xunta desta mañá tamén autorizou a prórroga do actual concerto co Hospital Povisa ata a entrada en vigor do novo contrato, previsto para o 1 de abril de 2025.
Ao inicio do contrato, será a poboación de referencia que se atope protexida no marco do concerto vixente co Hospital Povisa a que reciba asistencia sanitaria especializada.
Unha vez transcorrido un ano desde a entrada en vigor do novo contrato, en cada exercicio establecerase un prazo de 30 días naturais para que os usuarios que así o desexen exerzan o seu dereito de elección, que levará implícita a permanencia anual.
O número de procesos asistenciais recollidos neste contrato de servizos é estimativo. O cálculo fíxose tendo en conta a actividade realizada no ano 2023, último ano completo pechado, polo que o prezo final que se aboará ao adxudicatario virá determinado polo número de procesos previstos na carteira de servizos que realmente se presten á poboación adscrita ao centro sanitario.
Coa autorización de hoxe polo Consello da Xunta, a Administración autonómica muda a tipificación do contrato para a prestación da asistencia sanitaria especializada na área de Vigo, pasando do actual concerto co Hospital Povisa a un contrato de servizos, polo que o adxudicatario ten a obriga de prestar asistencia sanitaria para os procesos incluídos na carteira de servizos que se recollen nos pregos.
Con este novo modelo o Goberno galego pagará só polos procesos que realmente se realicen á poboación de referencia e reforzará o control sobre a actividade prestada pola adxudicataria.
Para garantir o correcto funcionamento do servizo e velar pola calidade asistencial que se presta á poboación de referencia, crearase unha unidade de supervisión e control para o seguimento do contrato.
Procesos incluídos no novo contrato
A atención especializada recollida no novo contrato inclúe asistencia especializada en consultas; asistencia no hospital de día e procesos de cirurxía maior ambulatoria; hospitalización en réxime de internamento; hospitalización domiciliaria; procedementos diagnósticos e terapéuticos; e urxencias hospitalarias.
Máis concretamente, as prestacións sanitarias médicas incluídas na carteira de servizos son: alergoloxía e inmunoloxía clínica; anestesioloxía e reanimación; aparello dixestivo (excluído cribado de cancro colorrectal); cardioloxía (excluídas hemodinámica e electrofisioloxía); endocrinoloxía e nutrición; hematoloxía e hemoterapia (excluído transplante de medula ósea); medicina intensiva; medicina interna; nefroloxía; medicina física e rehabilitación; oncoloxía médica; oncoloxía radioterápica (excluídas braquiterapia e radiocirurxía); neuroloxía; reumatoloxía; pneumoloxía (excluída unidade de tuberculose e cribado de cancro de pulmón).
En canto á carteira de servizos cirúrxica inclúense anxioloxía e cirurxía vascular; cirurxía xeral e do aparello dixestivo (excluído cribado de cancro colorrectal); cirurxía oral e maxilofacial; cirurxía ortopédica e traumatoloxía; cirurxía plástica, reparadora-queimados (excluídos os casos de grandes queimados, que son asumidos polo Chuac para toda Galicia); dermatoloxía e
venereoloxía; xinecoloxía (excluídos centro de orientación familiar, reprodución humana asistida e cribados de cancro de cérvix); oftalmoloxía; otorrinolaringoloxía (excluído o implante coclear); e uroloxía.
Outras das prestacións recollidas especificamente no contrato autorizado son as análises clínicas (agás análises xenéticas e calquera mostra biolóxica orixinaria en atención primaria); anatomía patolóxica (excluídas análises xenéticas); coidados paliativos; hospitalización a domicilio; medicina nuclear; microbioloxía e parasitoloxía; neurofisioloxía clínica; radiodiagnóstico; litofragmentación extracorpórea; urxencias; farmacia; diálise; traballo social; e atención ao paciente.
Optimización dos recursos asistenciais
Coa carteira de servizos establecida, a Consellería de Sanidade optimiza todos os recursos asistenciais existentes na área sanitaria de Vigo xa que aqueles procesos máis complexos se centralizan no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, tendo como referencia o Hospital Álvaro Cunqueiro, que se atopa á vangarda diagnóstica e tecnolóxica.
Exclúense así do presente contrato a hemodinámica, a electrofisioloxía, a neurocirurxía ou a cirurxía torácica e inclúense prestacións como a radioterapia de intensidade modulada (IMRT) na oncoloxía radioterápica, mellorando deste xeito a accesibilidade dos recursos de radioterapia da área sanitaria de Vigo.
Co fin de velar pola equidade, a calidade e a eficiencia asistencial dos pacientes atendidos, o adxudicatario deberá realizar todas as actuacións precisas para a implantación e funcionamento, entre os seus facultativos e profesionais sanitarios, da historia clínica electrónica Ianus. Tamén adoptará as medidas oportunas para a integración da información do rexistro de pacientes e da actividade asistencial no sistema de información de xestión de pacientes corporativo do Servizo Galego de Saúde.
Ademais, o adxudicatario está obrigado a cumprir cos procedementos e protocolos específicos de circuítos asistenciais de admisión, cirurxía robótica, osixenación por membrana extracorpórea -ECMO- e comités de tumores, garantindo a continuidade asistencial.
Para asegurar a calidade e adecuación dos recursos materiais, medios e instalación empregados na prestación dos servizos, a entidade estará obrigada á realización de investimentos en obras para a mellora das instalación e/ou adquisición dos equipamentos que resulten necesarios para o correcto desenvolvemento da actividade, destinando a este fin un mínimo dun 3 % do importe anual do contrato.
Así mesmo, o adxudicatario asume a obriga de aplicar os incrementos retributivos pactados no convenio colectivo. Concretamente en 2025 debe aplicar unha suba dun 3 % para os profesionais da entidade.
